Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
CINCO NENOS RUSOS PASARÁN O VERÁN CON CATRO FAMILIAS DE ACOLLIDA EN NARÓN
O alcalde e os portavoces da corporación local participaron hoxe no acto de recepción oficial dos menores
Narón, 25 de Xuño de 2015.- A corporación local de Narón recibiu esta mañá no Concello a cinco menores rusos procedentes dunha rexión moi próxima á central de Chernóbil que pasarán o verán con catro familias do municipio. Os nenos e nenas rusos que estarán ata o mes de agosto na localidade teñen entre 7 e 12 anos. A iniciativa, coa que colabora o Concello naronés, parte da asociación Ledicia Cativa, unha ONG con sede en Ourense e que se encarga de realizar os trámites necesarios para que algúns menores que residen nesa zona do país poidan pasar o verán con familias de acollida. O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, presidiu o acto, acompañado polos portavoces dos grupos políticos da corporación local e ao que tamén acudiron membros das familias de acollida. O rexedor local deu a benvida aos nenos e nenas e tamén destacou o traballo que realiza a ONG Ledicia Cativa,e que permite aos menores pasar os meses de verán en diferentes concellos galegos. Blanco animou á entidade a seguir na mesma liña de traballo porque, asegurou, “sempre van ter a porta aberta do Concello para colaborar neste tipo de iniciativas”, ao tempo que incidiu no papel das familias de acollida porque, apuntou, “sen elas sería imposible que isto fose unha realidade”. A concelleira de Acción Social, Catalina García, dirixiuse aos asistentes dándolles a benvida en ruso. “Este ano temos a boa nova de que a familia medra. O ano pasado tiñamos a dous nenos e este ano temos a sorte de ter a cinco”, asegurou a edil, que felicitou ás familias “polo esforzo que facedes e pola dedicación que ides ter con estes nenos e nenas nos meses de xullo e agosto” , para a continuación valorar o éxito do programa desta ONG. Ao final do acto os menores recibiron un agasallo institucional e un vale de 60 euros para gastar nunha libraría local. A ONG Ledicia Cativa traballa con 35 concellos de Galicia, trece deles da provincia da Coruña e entre os que na comarca, ademáis de Narón, está o de Cariño, que tamén colabora con esta entidade sen ánimo de lucro.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal