Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
SEDES ACOLLERÁ A XVII EDICIÓN DO OENACH ATLÁNTICO
O recinto do Trece acollerá un variado programa de actividades do 31 de xullo ao 2 de agosto
Narón, 21 de xullo de 2015.- A parroquia de Sedes acollerá os vindeiros días 31 de xullo e 1 e 2 de agosto a celebración dos actos da décimo sétima edición do Oenach Atlántico de Sedes. A concelleira de Cultura, Marián Ferreiro, o presidente da Asociación de Veciños Rosa dos Ventos de Sedes, Miguel Galán, a secretaria e un dos vocais da mencionada AVV, Julia Montero e Juan Yáñez, respectivamente, presentaron o programa de actos deste evento. A edil naronesa agradeceu publicamente “o traballo que realiza ano tras ano esta asociación veciñal para poder organizar a celebración do Oenach Atlántico e tamén a súa ilusión por manter viva esta tradición na parroquia de Sedes”. Todas as actividades se desenvolverán nas inmediacións do recinto feiral do Trece, en Sedes. O Concello de Narón aporta 18.000 euros a este evento, ademais de facerse cargo do acondicionamento da zona. Marián Ferreiro anunciou os actos do programa, que comezará a desenvolverse o venres día 31 ás 21.00 horas, coa recreación de renacemento do Lume Novo Solsticial na Aldea Castrexa e a continuación, ás 22.00 horas chegará o turno da Noite de Música Galiciana, a cargo de Treixadura Gaiteiros. A actividade, tal e como apuntou a edil de Cultura, continuará o sábado 1 de agosto, coa apertura da campa castrexa ás 11.00 horas, onde haberá un mercadiño artesán –está confirmada a asistencia dunha vintena de postos- e tamén unha mostra de artesanía con cestería e madeira, na que participarán diversos artesáns procedentes de diferentes concellos galegos, ademais dun obradoiro de cociñado de porco ao espeto. Na nave central da Feira do Trece haberá tamén varias exposicións que trasladarán a veciños e visitantes á época castrexa. Ás 14.00 horas comezará o Oenach Gastronómico, no que se poderán degustar menús cociñados ao xeito castrexo. Veciños e veciñas de Sedes serán os encargados de preparar o menú, no que non faltarán, tal e como apuntou Julia Montero, as bolas de sartén, o pan de millo e a carne ao caldeiro, que se servirán nun posto que se ubicará nas inmediacións das pallozas. Despois da comida o programa dará paso a actuacións teatrais, unha exhibición de Jugger –un xogo que mistura a loita medieval e o rugby- e ás 22.30 será o turno da Noite do Castro, coa recreación teatral no castro de Eiravedra da obra “A fraga maldita”, cun elenco formado por un gran número de veciños e veciñas de Sedes, que integran a Grande Compañía de Teatro Comunitario de Sedes. Ás 00.30 haberá unha chourizada popular para a que este ano se recuperará a ubicación da Feira do Trece, onde se reunirán os comensais. A xornada nocturna estará amenizada por tres grupos musicais. Na última xornada do Oenach, o día 2 de agosto, retomarase a actividade ás 11.00 horas, coa recreación museística viva da Aldea Castrexa e á mesma hora comezarán as exhibicións caninas, según recordou Marián Ferreiro. O teatro e a comida celta, nesta ocasión con porco celta e xurelo lañado como menú do Oenach Gastronómico, a partir das 14.00 horas, darán continuidade a un programa que, pola tarde, inclúe unha exhibición de xogos populares, unha carreira popular ao Castro de Eiravedra –aberta a todas as idades e na que se poderán inscribir os interesados media hora antes de iniciarse. Ás 20.30 horas procederase á entrega de trofeos e posteriormente á clausura do Oenach Atlántico de 2015. O presidente da AVV Rosa dos Ventos, Miguel Galán, agradeceu a axuda do Concello e tamén o traballo dun grupo de persoas que habitualmente colaboraban na organización pero que este ano non puideron facelo. Pola súa parte, a concelleira de Cultura, Marián Ferreiro, destacou o traballo de toda a organización, formada por máis dun cento de persoas, e a implicación que este ano tivo a xente máis nova á hora de colaborar para o desenvolvemento desta cita. A edil naronesa animou a veciños e visitantes a desprazarse a vindeira fin de semana a Sedes para gozar do variado programa deseñado este ano para conmemorar a décimo sétima edición do Oenach, unha celebración declarada Festa de Interese Turístico de Galicia. Desde o Concello habilitaranse zonas de estacionamento na parte traseira da nave do Trece e nas inmediacións do castro, tal e como se fixo en anteriores edicións.
Descarga de archivos
Programa Oenach 2015
Tamaño:54,98 KB

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal