Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
OS CONCELLOS DA COMARCA ACORDAN EN NARÓN CELEBRAR UNHAS XORNADAS PARA FOMENTAR A PARTICIPACIÓN CIDADÁ
A convocatoria será aberta ás entidades e tamén a persoas a título individual que queiran colaborar
Narón, 1 de outubro de 2015. A concelleira de Participación Cidadá de Narón, Catalina García, presidiu esta semana unha reunión con alcaldes e edís da comarca para abordar os criterios que utilizan os concellos á hora de conceder subvencións e tamén concretar a organización dun encontro sobre experiencias na área de Participación Cidadá. Á cita –a segunda deste mandato- que tivo lugar no Concello, acudiu o alcalde da Capela, Manuel Meizoso, e concelleiros de Cabanas, Fene, Ferrol, Neda, San Sadurniño e A Capela, se ben desculparon a súa ausencia os de Ares, Mugardos, Pontedeume, As Pontes e Valdoviño. O colectivo realizou unha posta en común de varios temas da área e acordou realizar unha xornada de portas abertas a nivel comarcal na que participen os cidadáns e diferentes entidades a través de varias mesas de traballo, tal e como apuntou a edil Catalina García. Na convocatoria, cunha data e ubicación pendentes de concretar, analizaranse posibles melloras a nivel de funcionamento interno das asociacións; propostas para fomentar a participación a título individual de todas aquelas persoas que non forman parte de asociacións e tamén as prioridades que deberían marcar os concellos en materia de Participación Cidadá, según explicou a edil naronesa. Así mesmo, apuntou Catalina García, “realizaremos unha serie de reunións con carácter bimensual que se organizarán nos diferentes concellos para avanzar xuntos en todos aqueles temas relacionados coa participación dos cidadáns no traballo que se realiza a diario desde a administración máis próxima a eles, a local”. Os asistentes á reunión celebrada no Concello naronés puxeron en común as súas experiencias en materia de xestión de recursos ás entidades cidadás e tamén presentaron os diferentes modelos de baremación para a adxudicación das subvencións. Con respecto a este último apartado, analizouse a viabilidade de ter en conta á hora de realizar os baremos de concesión das citadas axudas criterios como o feito de que as entidades solicitantes fomenten a participación da xuventude e da muller en materia de Igualdade. A cesión de locais municipais, os recursos de que dispoñen os concellos e a posibilidade de realizar retransmisións a través de plataformas de reproducción en streaming dos plenos e comisións foron outros dos temas abordados na convocatoria. “Incidimos moito na importancia de traballar en todos aqueles aspectos que nos permitan conseguir que a xente se involucre nos asuntos relacionados coa Participación Cidadá, na relevancia de facer, en certo modo, unha función de carácter pedagóxico para alcanzar ese obxectivo desde as administracións locais”, apuntou Catalina García.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal