Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
INAUGURADA NO CENTRO COMERCIAL DOLCE VITA ODEÓN A "XII MOSTRA DA CAMELIA CIDADE DE NARÓN"
A exposición poderase visitar os días 20 e 21 de febreiro nas citadas instalacións comerciais
Narón, 20 de febreiro de 2016. O Centro Comercial Dolce Vita Odeón acolleu a primeira xornada da duodécima edición da “Mostra da Camelia Cidade de Narón”, unha convocatoria organizada pola Asociación Galega da Camelia, coa colaboración do Concello de Narón, e que incluíu esta tarde a oitava edición do Concurso de Flor de Camelia. A primeira hora da mañá comezaron a instalarse os 35 expositores que durante hoxe e mañá permanecerán nas citadas instalacións comerciais. Neles pódense ver unha gran variedade de flores de camelias e composicións procedentes de varios concellos da comarca pero tamén doutros puntos de Galicia e Asturias. A Mostra da Camelia estará aberta ata as dez da noite de hoxe e reabrirase mañá, día 21, desde as dez da mañá ata as seis da tarde. A primeira tenente de alcalde de Narón, Marián Ferreiro, presidiu o acto inaugural, acompañada por Edmundo Novoa, presidente da Asociación Galega da Camelia; Eusebio López e Manuel Pico, vicepresidente e secretario, respectivamente, da citada asociación. Á convocatoria asistiron representantes de varios grupos da corporación local naronesa, que participaron no acto de entrega de premios. Marián Ferreiro destacou na súa intervención a gran calidade e cantidade de flores presentadas a esta “XII Mostra da Camelia Cidade de Narón” e agradeceu a presencia de participantes e visitantes e o traballo realizado pola organización. Así mesmo, a primeira tenente de alcalde de Narón recordou a existencia dunha variedade propia do municipio, a camelia “Cidade de Narón”, cunha flor caracterizada por ter moitos pétalos e de cor vermello intenso, creada por Eusebio López, vicepresidente da Asociación Galega da Camelia, e que nos próximos anos pasará a formar parte das especies do parque de camelias localizado en Freixeiro. Pola súa parte, Edmundo Novoa, agradeceu a colaboración do Concello e do Centro Comercial Dolce Vita Odeón e destacou tamén a calidade das flores e a elevada participación nesta Mostra. A continuación, procedeuse á entrega dos premios da oitava edición do Concurso de Flor de Camelia, que foron entregados por representantes do goberno local e da Asociación Galega da Camelia. O premio á mellor camelia japónica foi para Pilar Bargiela (Porriño); a mellor camelia reticulata foi para Ana Calo (Boiro) a mellor especie deste tipo de flor para María Jesús Melón (Vilagarcía); o mellor híbrido de camelia, para Clara Abalo (Rois); a mellor flor miniatura para José Freire (Padrón); o premio ao mellor cultivador expositor foi para Abelardo Barcala (pai e fillo, de Rubiáns) e, por último, o da mellor composición artística colectiva recaeu en Manuel Cruz e Alicia, de Sillobre (Fene). Tralo acto de entrega dos premios, os gañadores e gañadoras posaron para unha fotografía de grupo cos representantes do Concello e da Asociación Galega da Camelia.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal