Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO INICIA OS ACTOS DO DÍA DE ROSALÍA ENTREGANDO AO NARONÉS DARÍO RODRÍGUEZ TRANCÓN O CARNÉ DE SOCIO 16.000 DA BIBLIOTECA MUNICIPAL
O programa de actos incluíu unha lectura de textos desta recoñecida narradora e poetisa galega do século XIX que iniciou o alcalde, José Manuel Blanco
Narón, 24 de febreiro de 2016. Os actos programados desde o Concello para conmemorar o Día de Rosalía comezaron esta mañá, ás 12.00 horas, na Biblioteca municipal. O alcalde, José Manuel Blanco, presidiu a convocatoria acompañado pola edil de Ensino e Bibliotecas, Mercedes Taibo, e por outros representantes da corporación local. A concelleira foi a encargada de presentar o acto, dando a benvida ao socio número 16.000 da Biblioteca, Darío Rodríguez Trancón, un neno de 20 meses veciño do Alto do Castiñeiro. Foi a semana pasada cando a nai de Darío, Cecilia Trancón, solicitou o carné de socio para Darío, un documento que tamén obtivo no seu día a irmá do homenaxeado, Icía, de 5 anos, e que teñen desde hai varios anos a súa nai, o seu pai, Fernando Rodríguez, de Narón e o seu avó José Trancón. Darío, que estivo acompañado hoxe pola súa nai e o seu avó materno, recibiu o seu carné de socio e un agasallo durante a homenaxe. A edil de Ensino e Bibliotecas recordou no acto que desde o ano pasado o día 24 de febreiro se celebra oficialmente en Narón o Día de Rosalía, “conmemoración centrada no recoñecemento e difusión das obras da autora que simboliza o rexurdimento da nosa lingua e da nosa literatura”, destacou. O alcalde naronés foi o encargado da primeira lectura, elixindo para a ocasión o poema “Adiós ríos, adiós fontes”, que alude á emigración. A continuación procederon a ler diferentes textos representantes da corporación local, veciños e veciñas e representantes de centros de ensino de Narón, pechando a actividade a concelleira de Ensino e Bibliotecas. A partir desta mesma tarde, e durante os vindeiros quince días, poderase ver na entrada do Pazo da Cultura –no marco do programa de actos do Día de Rosalía- unha exposición de vestimentas e instrumentos musicais típicos do século XIX, organizada pola Concellería de Cultura, que preside a edil Marián Ferreiro. A programación deseñada desde o Concello con motivo do Día de Rosalía rematará este venres, día 26, na Biblioteca, onde a partir das 18.00 horas haberá unha sesión de contacontos, “A paisaxe de Rosalía”, adicado á figura desta recoñecida poetisa galega. A actividade, organizada conxuntamente polo Servizo de Normalización Lingüística e a Biblioteca municipal, está pensada para nenos e nenas de entre 4 e 8 anos e require inscrición previa, un trámite que se pode realizar no mostrador da Biblioteca ou chamando por teléfono ao número 981 382 173.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal