Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A CONSELLERÍA DE SANIDADE AGRADECE A COLABORACIÓN DO CONCELLO PARA ASINAR O CONVENIO DE CONSTRUCIÓN DO NOVO CENTRO DE SAÚDE
Sanidade apuntou a finais de 2018 ou comezos de 2019 como datas para a entrada en servizo das novas instalacións
Narón, 6 de xuño de 2016. O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez, asinaron esta mañá o convenio de cooperación entre o Concello e o Servizo Galego de Saúde para a execución das obras de construción do novo centro de saúde. “Hoxe é un día importantísimo para o Concello de Narón”, asegurou o alcalde, que incidiu en que a partir de agora, “o que hai que lograr é que moi axiña esteamos poñendo a primeira pedra e inaugurando ese centro tan necesario para Narón”. No referente aos prazos, Vázquez apuntou que comeza agora un periodo de dous meses para contratar o proxecto urbanístico e, unha vez feito, o equipo elixido disporá de tres meses para redactar o proxecto das obras do novo centro de saúde. O conselleiro de Sanidade confía en poder licitar os traballos a finais deste ano para que as instalacións poidan comezar a funcionar “a finais de 2018 ou principios de 2019”. Blanco asegurou que o novo centro de saúde é unha obra “moi necesaria e fundamental no Concello de Narón e para os seus veciños e veciñas, que son os que nos teñen que importar”. Así mesmo, o alcalde apelou á colaboración entre as administracións e destacou a importancia de que o actual centro de saúde quede á disposición do Concello. “Os retos que veñen en materia de servizos sociais para este edificio son moi grandes”, asegurou. O rexedor local naronés agradeceu a “sensibilidade” do actual conselleiro de Sanidade, que en palabras deste último foi “mutua”, e destacou a relevancia de que se manteña no período de contratación dos traballos. Na mesma liña se manifestou Jesús Vázquez, ao destacar o feito de que por parte da administración local “houbo facilidades absolutas desde o principio para buscar a mellor saída posible a este acordo, para o que o Concello fixo un traballo importante e que continuará ao apostar por dar vida ao actual edificio, que quedará libre”. “Hoxe iniciamos o camiño para a contratación do proxecto, que nos dirá exactamente todo o que imos facer”, apuntou o conselleiro, asegurando que o investimento a realizar en Narón se coñecerá unha vez estea rematado o proxecto das obras. Así mesmo, o titular de Sanidade na Xunta agradeceu a Blanco “todas as facilidades” e a posta a disposición dunha parcela “nunha zona en crecemento”. O convenio entre ambas administracións compromete ao Concello a realizar os trámites patrimoniais e urbanísticos para a cesión ao Sergas do terreo, dunha superficie de 6.142 metros cuadrados e dotalo das infraestruturas necesarias. O Sergas, pola súa parte, pagará as taxas de licenzas e impostos correspondentes, elaborará, supervisará e aprobará o proxecto técnico e contratará, dirixirá e executará as obras do novo centro de saúde. No apartado económico, a administración local aportará 1.460.353,95 euros para colaborar nos custes de execución, abonando 100.000 euros este ano –con cargo a unha partida orzamentaria xa habilitada para este fin-; 500.000 o vindeiro ano e no 2018, 860.353,95 euros– ou a cantidade que reste en función do valor catastral, tal e como se especifica no documento, dado que o pleno aprobou unha rebaixa do 8% que haberá que aplicar-. Trala recepción das obras Sanidade entregará ao Concello libre de cargas e gravames e nas debidas condicións de mantemento o actual inmoble do centro de saúde, localizado na rúa 25 de Xullo. O concelleiro de Sanidade de Narón, Octavio Dopico, destacou tamén a importancia da firma do convenio “despois de oito anos de espera e dalgúns desencontros coa Xunta” e valorou a “maior sintonía” entre ambas administracións co actual conselleiro da área. “É un día importante para os veciños e veciñas de Narón e agora comezamos unha nova fase na que esperemos que o Plan Funcional recolla as peticións formuladas desde o Consistorio”, subliñou. Tras asinar o acordo representantes da Xunta e da corporación local desprazáronse ata a parcela na que se construirá o novo centro de saúde, nas proximidades da glorieta de Freixeiro, a escasos metros do Consistorio. Ao acto desta mañá asistiron tamén o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa; o delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo; a xefa territorial de Sanidade na Coruña, Cristina Pérez; o xerente de Xestión Integrada de Ferrol, Ángel Facio, o concelleiro de Sanidade, Octavio Dopico, e representantes da corporación local naronesa.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal