Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
TEATRO, MÚSICA TRADICIONAL E OBRADOIROS CENTRARÁN O PROGRAMA DO OENACH ATLÁNTICO 2016
A cita, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, desenvolverase do 29 ao 31 de xullo en Sedes
Narón, 27 de xuño de 2016. O local social de Sedes acolleu a presentación do programa de actos que se desenvolverá este ano con motivo do Oenach Atlántico de Sedes. A concelleira de Cultura, Marián Ferreiro, a de Turismo, Natalia Hermida, e a presidenta e o tesoureiro da AVV Rosa dos Ventos, Julia Montero e Alberto Casteleiro, respectivamente, presentaron as actividades, que terán lugar do 29 ao 31 de xullo na citada parroquia naronesa. A edil naronesa apuntou que o Oenach Atlántico de Sedes alcanza este ano a súa décimo oitava edición e recordou que se trata dunha “Festa de Interese Turístico de Galicia” desde o ano 2014. Ferreiro destacou “o traballo que ano tras ano realizan os veciños e veciñas de Sedes para manter en pé esta celebración coa que se aposta por recuperar e dar a coñecer a tradición e cultura galegas entre a veciñanza e os visitantes”. O cartaz co que se publicitará este ano o evento é obra do artista ferrolán Juanlu Fernández. O programa do Oenach comezará o día 29 ás 21.00 horas, coa recreación do renacemento do Lume Novo Solsticial na Aldea Castrexa, na zona das pallozas localizadas no Trece. Esta actividade permitirá inaugurar oficialmente o evento, cun prendido de lume e a lectura dun texto que marcan cada ano o inicio do Oenach. Ás 22.00 horas terá lugar un concerto a cargo do grupo galego de cantareiras e pandereteiras “Leilía” no marco da Noite de Música Galiciana. Na xornada do 30 de xullo a Campa castrexa abrirá o Mercadiño artesán e tamén se poderán ver unha Mostra de artesanía de cerámica e haberá demostracións en vivo de artesáns na campa. Así mesmo, programouse unha exposición de reproduccións castrexas e tamén varios obradoiros didácticos sobre: construción de vivenda, tecido, cociñado castrexo, micro arqueoloxía, photocall castrexo e animación teatral. Ao igual que en edicións anteriores, na zona do recinto do Trece poderanse degustar desde as 14.00 horas comidas con grellados, forneados e doces, todos eles base do que será o apartado gastronómico do Oenach. A programación retomarase ás 17.00 horas, cando a compañía teatral Os Ghazafelhos representará a obra “Contos para Escagarriñarse”, dirixida a todos os públicos. Ás 18.00 comezará unha sesión de xogos populares e obradoiros de enredos tradicionais e ás 22.30 a Noite do Castro. O Castro de Eiravedra centrará os actos nocturnos desta recoñecida festividade, coa estrea da obra “O paxaro de Eiravedra”, unha peza que representarán os actores da Compañía de Teatro Comunitario de Sedes, cunha trintena de integrantes. Cada ano os veciños e veciñas de Sedes elaboran o texto a representar no Oenach e traballan na representación axudados por Pepablo Patinho, integrante da compañía Os Ghazafelhos e monitor de Teatro do Padroado da Cultura de Narón. Rematada a representación, sobre as 00.30 horas, haberá un concerto de música folk. O domingo día 31 abrirá de novo a Campa castrexa ás 11.00 horas, coas mostras e obradoiros didácticos da xornada do sábado. O programa de actos da última xornada do Oenach levará tamén ao recinto do Trece, en Sedes, unha mostra e exhibición de raza canina a partir das 12.00 horas do Club de Raza Can de Palleiro. O elenco da Compañía de Teatro Comunitario de Sedes actuará de novo ás 13.00 horas, cunha recreación na campa castrexa e ás 14.00 comezará o Oenach Gastronómico. Despois do xantar, sobre as 17.00 os asistentes terán a oportunidade de practicar un variado número de xogos populares e deporte rural e ás 19.00 dará comezo a tradicional carreira popular ao Castro de Eiravedra, aberta a persoas de todas as idades. Os interesados en participar na carreira deberán inscribirse na campa, podendo facelo o mesmo día da proba ata trinta minutos antes de que comece. Ás 20.30 horas entregaranse os trofeos –haberá tres premios por cada unha das seis categorías, en función da idade dos participantes- e procederase a clausurar esta nova edición do Oenach. A concelleira de Cultura e a representante da entidade veciñal Rosa dos Ventos, de Sedes, animaron á veciñanza de Narón e comarca a participar nas actividades que se desenvolverán no Oenach, así como a presenciar os variados espectáculos que terán lugar durante esa fin de semana na zona do recinto do Trece.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal