Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
MÁIS DE CORENTA EXPOSITORES PARTICIPAN ESTA FIN DE SEMANA NA "XVI FEIRA DO MEL"
O recinto feiral do Trece, na parroquia de Sedes, acolle esta cita, na que haberá postos de mel, produtos da horta e artesanía, entre outros.
Narón, 6 de outubro de 2016. A concelleira de Feiras e Mercados de Narón, Mar Gómez, presentou o programa da décimo sexta edición da Feira do Mel que, como en ocasións anteriores, se celebrará no recinto feiral do Trece, na parroquia de Sedes, os días 8 e 9 de outubro e contará coa participación de máis de 40 expositores de produtos ecolóxicos e artesanais co mel como principal, mais non o único, reclamo. Así, cóntase coa presenza de pequenos e medianos produtores hortofrutícolas, como legumes, queixos, marmelos, aceites, infusións ou cervexas, e tamén de manufacturas en coiro, madeira, xoiaría en prata ou cosméticos, entre outros. A cita, que conta coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña, desenvolverase ámbolos dous días en xornada de mañá e tarde en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas, respectivamente. Do mesmo xeito ca nas edicións anteriores, está prevista a participación activa dun bo número de membros da delegación ferrolterrá da Asociación Galega de Apicultura –AGA-, que aproveitarán a ocasión para dar a coñecer a súa actividade e atenderán ás persoas interesadas nesta actividade que cada ano ten máis adeptos. A edila Mar Gómez animou a veciñanza local e do resto da comarca a se achegar a fin de semana ao Trece para gozar dunha xornada na que a gastronomía ocupará novamente un lugar moi importante, con degustacións de balde de diferentes produtos, mais na que haberá tamén actividades paralelas dirixidas nomeadamente ás crianzas. É o caso dos inchables e os obradoiros de monicreques de cartón. Tanto a rapazada como as persoas adultas poderán participar tamén nun pequeno magosto amenizado cunha actuación musical as dúas xornadas, de 12.00 a 14.00 horas. A Feira do Mel de Narón é xa un clásico do calendario lúdico-festivo do concello.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal