Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A "I CARREIRA-ANDAINA SOLIDARIA POLA SAÚDE MENTAL" CELEBRARASE O 16 DE OUTUBRO NA ZONA DE XUVIA
O Concello colabora coa asociación Afaes na organización deste evento, para o que os interesados poderán inscribirse ata o vindeiro día 13
Narón, 11 de outubro de 2016. O paseo marítimo de Xuvia acollerá o vindeiro domingo, día 16, a “I Carreira-Andaina solidaria pola saúde mental” organizada pola Asociación de Familiares e Amigos de Enfermos Psíquicos (Afaes) e que conta coa colaboración do Concello de Narón, entre outras entidades e empresas. Os edís de Deportes e Seguridade Cidadá, Román Romero e Guillermo Sánchez Fojo, respectivamente, presentaron o evento acompañados por Sara Pérez, terapeuta ocupacional da asociación e Antía Pereira, mestra de taller en Afaes. A día de hoxe, máis de trescentas cincuenta persoas están anotadas, en total, na carreira e na andaina, tal e como indicou o concelleiro de Deportes, que recordou que os interesados poden apuntarse aínda ata o vindeiro xoves, día 13, ás 23.59 horas, na web: www.carreirasgalegas.com. Os participantes sairán das inmediacións do colexio Ponte de Xuvia e realizarán un percorrido, tanto na carreira como na andaina, polo paseo e algunhas rúas da zona. Ás 11.00 horas sairán os nenos e nenas (nacidos despois do ano 2002), que non terán que pagar cuota de inscrición, por un percorrido deseñado especificamente para eles. Os adultos comezarán ás 12.10 horas tanto na carreira como na andaina, por tramos de 5 e 3,5 quilómetros respectivamente e debendo pagar de cuota seis euros para a carreira e catro no caso da andaina. Os dorsais entregaranse o sábado día 15 nas instalacións de Decathlon, en horario de 10.00 a 21.00 e tamén o propio día da carreira ata media hora antes de iniciarse nas inmediacións do tramo. Os anotados na carreira absoluta recibirán como agasallo unha camiseta e tanto os adultos como os rapaces e rapazas participarán no sorteo de varios agasallos. As persoas que queiran aportar un donativo e non poidan acudir a esta “I Carreira-Andaina solidaria pola saúde mental” poderán colaborar a través do “Dorsal 0” na web: www.carreirasgalegas.com. A convocatoria organizouse con motivo do Día Mundial da Saúde Mental, que se conmemorou onte, día 10, baixo o lema “Son coma ti, pese a que aínda non o saibas”. O obxectivo desta cita é, tal e como explicou Sara Pérez, “impulsar unha xornada deportiva coa que dar máis visibilidade e normalización ao colectivo co que traballamos desde Afaes, sensibilizando á sociedade de que todos e todas, independentemente de ter ou non problemas de saúde mental, compartimos máis semellanzas que diferenzas no noso día a día e aspiramos a aportar algo á sociedade”. Ao respecto, Antía Pereira recordou tamén que os trastornos mentais “son aínda grandes descoñecidos, a pesares de que según os datos da Organización Mundial da Saúde, unha de cada catro persoas no mundo ten algún problema deste tipo”. Unha das novidades desta convocatoria será a participación do Servizo de Prevención e Extinción de Incendios e Salvamento do Concello de Narón (Speis), cuxo persoal do Grupo de Intervención Rápida en Bicicleta, tal e como apuntou Sánchez Fojo, realizará o percorrido da carreira e da andaina con dúas bicicletas equipadas con DESA (desfibriladores semiautomáticos) e botiquíns de primeiros auxilios. “Na zona de Xuvia haberá persoal médico e unha ambulancia, pero coa colaboración deste equipo do Speis no caso de rexistrarse algunha incidencia en determinadas zonas do tramo poderemos actuar máis rápido e, ao tempo, reforzar a atención sanitaria aos participantes”, explicou o concelleiro de Seguridade Cidadá. O edil anunciou ademais que esta iniciativa se levará a cabo a partir de agora en todos os eventos deportivos organizados no municipio nos que se considere oportuna a súa asistencia e as condicións do evento o permitan. O Auto Club Clásicos Narón colabora tamén nesta actividade solidaria, cunha concentración de vehículos clásicos que se poderán ver en Xuvia. Os edís naroneses animaron á veciñanza a participar neste evento deportivo, cun marcado carácter solidario, para respaldar a intensa labor que día a día desenvolve Afaes con persoas con trastornos de saúde mental tanto de Narón como doutros concellos da comarca e tamén coas súas familias.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal