Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
MÁIS DE 5.500 ALUMNOS E ALUMNAS DE CENTROS DE NARÓN E COMARCA ESTÁN XA ANOTADOS NA MOSTRA DE TEATRO INFANTIL E XUVENIL
As representacións comezan o 17 de outubro e rematarán o 2 de decembro nas escolas infantís
Narón, 15 de outubro de 2016. A Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil organizada polo Padroado da Cultura de Narón, e na que tamén participa o Concello de Ferrol, iniciarase o luns día 17 de outubro na localidade. Uns 5.500 alumnos e alumnas de centros educativos da localidade e da comarca –dos que uns trescentos proceden das tres garderías municipais (A Solaina, A Gándara e Piñeiros) e das aulas de educación Infantil do colexio Santiago Apóstol- están xa anotados nalgunha das trinta funcións programadas ata o vindeiro 18 de novembro no Pazo da Cultura de Narón e o 2 de decembro nas citadas escolas infantís, tal e como asegurou a vicepresidenta do Padroado, Marián Ferreiro. De aquí ao final do programa previsto, en decembro, aínda se anotarán máis centros de ensino, ao estar aberto o prazo para facelo. A programación comezará o día 17 ás 10.00 horas, coa representación da obra "Memorias dun neno labrego", a cargo da compañía Contraproduccións, para alumnado de Bacharelato e Ciclos do IES Terra de Trasancos. A obra porase en escena de novo ás 12.00 horas para rapaces e rapazas do IES As Telleiras, de Narón, e o IES Breamo, de Pontedeume. As dúas primeiras convocatorias reunirán no Pazo a un total de 269 estudantes, que abonarán dous euros para cubrir parcialmente os gastos de desprazamento desde os centros educativos, tal e como se fai habitualmente na Mostra. As representacións programadas no marco desta Mostra teatral continuarán na xornada do martes, día 18. Subirase de novo ao escenario o elenco da obra "Memorias dun neno labrego", que actuará para alumnado de terceiro e cuarto de ESO dos colexios Ayala, Santiago Apóstol (Xestión administrativa), Jorge Juan e do Feal a partir das 10.00 e para o de terceiro e cuarto curso de ESO dos institutos das Telleiras e Terra de Trasancos. En total, na xornada do martes desprazaranse ao Pazo un total de 506 rapaces e rapazas. A compañía Ghazafelhos protagonizará os espectáculos previstos para as xornadas do 24, 25 e 26 de outubro, que consistirán na representación da obra "Rubicundo". Nesas tres xornadas, e en seis funcións en total, desprazaranse ao Pazo da Cultura 1.521 rapaces e rapazas dos colexios Ponte de Xuvia, Jorge Juan, Ayala, Virxe do Mar, Piñeiros, CRA, Santiago Apóstol, A Solaina, A Gándara e O Feal, de Narón; San Isidro, de Neda; Santiago Apóstol de Franza (Mugardos); Moeche; Manuel Masdías, de Ferrol, e Os Casais, de Fene. O martes día 8 e o mércores 9 de novembro continuará a programación coa obra "Moby Dick", da compañía Gorakada. Nesta ocasión 1.426 alumnos e alumnas dos colexios Ponte de Xuvia, CRA, A Gándara, O Feal, A Solaina, Piñeiros, Jorge Juan, Virxe do Mar, Santiago Apóstol, Ayala e dos IES Terra de Trasancos e As Telleiras de Narón e tamén dos colexios San Isidro, de Neda; Unión Mugardesa e Santiago Apóstol de Franza (Mugardos); Eladia Mariño, de Pontedeume e As Mirandas, de Ares serán os destinatarios da actividade. A Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil continuará o 16 de novembro, coa representación de "Rosa Caramelo e outras historias", a cargo de Talía Teatro. Un total de 502 estudantes dos centros Ponte de Xuvia, CRA e A Solaina, de Narón; Unión Mugardesa, de Mugardos, e Jorge Juan, de Fene acudirán á cita. Será os dous días seguintes, o 17 e 18 de novembro, cando se suba ao escenario o elenco desa mesma obra para pechar a Mostra teatral no Pazo, aínda que terá continuidade nas escolas infantís municipais e nas aulas de Infantil do Santiago Apóstol de Narón. Na primeira xornada acudirán ao Pazo 491 rapaces e rapazas dos colexios Santiago Apóstol, Virxe do Mar, Ayala, O Feal (e Freixeiro) e Jorge Juan, de Narón, e tamén do Manuel Masdías (Ferrol), de Moeche e dos centros Santiago Apóstol, de Mugardos e Jorge Juan, de Fene. O día 18, será o turno de 455 menores de tres a cinco anos dos centros da Gándara e Piñeiros, de Narón, e de San Isidro, en Neda; Lestonnac, de Ferrol; As Mirandas, de Ares; Eladia Mariño, de Pontedeume, e Os Casais, de Fene. O alumnado das garderías da Solaina, A Gándara e Piñeiros e de educación Infantil do Santiago Apóstol de Narón recibirá nas súas aulas á compañía Teloncillo, que representará o espectáculo "Múuu", dirixido aos nenos e nenas de menor idade. As dez funcións dirixidas a este último colectivo no marco desta Mostra teatral terán lugar os días 28, 29 e 30 de novembro e 1 e 2 de decembro, pechando así esta nova edición da Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil. A vicepresidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, destacou o éxito que ano tras ano rexistra esta convocatoria, que alcanza na localidade a súa trixésimo cuarta edición. A edil naronesa destacou tamén a liña de colaboración aberta no ámbito cultural co equipo de goberno de Ferrol e incidiu na firme aposta da organización por impulsar a cultura galega en xeral e as compañías desta comunidade en particular, de donde proceden tres das cinco contratadas para actuar este ano. Así mesmo, Ferreiro subliñou que a Mostra teatral “representa unha magnífica oportunidade para achegar o teatro aos nenos e nenas desde moi curta idade, ao tempo que permite ofrecer ao público ao que se dirixe a oportunidade de ver este tipo de espectáculos e tamén sentar unhas bases no ámbito cultural, e en concreto neste caso no mundo das artes escénicas”. “Trátase de que o alumnado ao que se dirixe a convocatoria poida manter e consolidar cando sexa adulto esas bases adquiridas na etapa escolar, gozando deste tipo de espectáculos e, no caso de consideralo oportuno, apostando pola formación que se oferta nesta área desde as Escolas Culturais Municipais do Padroado da Cultura de Narón”, apuntou.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
naron.gal