Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
RECEPCIÓN OFICIAL NO CONCELLO ÁS AGRUPACIÓNS QUE PARTICIPARÁN NO "XXVII FESTIVAL INTERNACIONAL DE FOLCLORE"
O evento desenvolverase o 15 de xullo nas instalacións do Pazo da Cultura a partir das 21.00 horas e as entradas teñen un prezo de dous euros
Narón, 14 de xullo de 2017. O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, presidiu esta mañá, ás 12.00 horas, o acto de recepción oficial aos representantes das agrupacións que participarán o 15 de xullo no “XXVII Festival Internacional de Folclore” que se celebrará a partir das 21.00 horas no Pazo da Cultura. Estiveron tamén presentes no acto representantes dos grupos políticos da corporación local e o director técnico do Padroado da Cultura, Luciano Fernández. O rexedor local desculpou a ausencia do cónsul de Cuba, que tiña previsto acudir pero que a última hora, por problemas de axenda, non puido estar presente. Blanco deu a benvida aos integrantes dos grupos. “Levamos vinte e sete anos facendo este festival, polo que pasaron neste tempo diferentes grupos de todos os continentes”, recordou o alcalde, que incidiu na importancia do que supón en canto ao “intercambio de culturas de diferentes países”. O rexedor local desexoulles unha boa estancia na cidade aos integrantes das agrupacións antes de proceder á entrega de agasallos institucionais. Os encargados de recollelos foron as parellas da Agrupación Folclórica Asociación Cultural Acoidan, (Tenerife); da Asociación do Centro Xuvenil de Kyrenia (Chipre), Telón Aberto, da Universidad Ciego de Ávila (Cuba) e do grupo de Danzas e Cantares Rexionais do Orfeão da Feira, (Portugal). No acto tamén estiveron presentes os integrantes do Grupo de Música e Danza Tradicional “Alxibeira” e a Banda de Gaitas do Padroado da Cultura do Concello de Narón, anfitrións no festival. En representación da agrupación cubana, entregóuselle ao director técnico do Padroado da Cultura de Narón, Luciano Fernández, o escudo da Universidade Ciego de Ávila, pola súa labor en canto “á contribución no desenvolvemento integral deste centro de altos estudos”. Así mesmo, indicaron, Fernández “promoveu o intercambio cultural entre Cuba e España e impulsado presentación do grupo Telón Abierto trascendendo o ámbito institucional”. Trala entrega do recoñecemento tomou a palabra o director técnico do Padroado da Cultura, que agradeceu esta distinción. Un recoñecemento que fixo extensivo “ao Concello de Narón e ás persoas que o dirixen desde hai moitos anos porque sen a súa axuda e o seu apoio sería imposible que eu puidese realizar todas esas cousas”. Antes de rematar o acto, interpretou a canción popular cubana “Guantanamera” a agrupación Telón Abierto. Os tres grupos internacionacionais, un estatal e os anfitrións do Padroado da Cultura actuarán mañá no Pazo da Cultura, a partir das 21.00 horas no marco da programación desta vixésimo sétima edición do Festival Internacional de Folclore. As entradas, que poden adquirse na billeteira do Pazo, teñen un prezo de dous euros. Desde o Padroado da Cultura animaron aos veciños e veciñas de Narón e comarca a asistir a este festival, un dos eventos consolidados no calendario cultural da cidade e que reúne a grupos cunha gran traxectoria profesional.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal