Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO E AMICOR ORGANIZAN UNHA NOVA EDICIÓN DAS XORNADAS "MULLERES EN VERMELLO"
A cita terá lugar o vindeiro 29 de setembro no Auditorio municipal e para poder asistir será preciso doar á entrada alimentos, roupa ou produtos de hixiene para o Centro de Recursos Solidarios de Narón
Narón, 22 de setembro de 2017. Os actos da Semana do Corazón 2017 celebraranse un ano máis no municipio coas xornadas “Mulleres en vermello”, coas que se aposta por concienciar á cidadanía sobre as enfermidades cardiovasculares. Así o indicou o concelleiro de Sanidade, Octavio Dopico, que xunto con Conrado Vilela e Carlos Piñeiro, presidente e médico e integrante, respectivamente, da Asociación de Amigos do Corazón (Amicor), presentou o evento, no que colabora o Concello. A cita será o vindeiro 29 de setembro entre as 18.00 e as 21.00 horas nas instalacións do Auditorio municipal de Narón, na Praza de Galicia. A partir das 18.00 horas o médico Carlos Piñeiro presentará o proxecto “Cardioescola” para, a continuación, dar comezo unha conferencia cardiovascular na que participarán a cardióloga Marisol Bravo, a matrona Natalia Pérez e o doutor Emiliano Fernández. Piñeiro avanzou que “Cardioescola” é “o mellor proxecto de Galicia, con diferencia, en materia de prevención vascular infantil” e explicou que se traballará coa poboación infantil de Narón sobre os hábitos e estilos de vida saudables. A música formará tamén parte desta convocatoria, que contará coa actuación do solista e compositor Carlos Mella e haberá un apartado dedicado ao baile, nesta ocasión de salón, a cargo de dous grupos infantís da Escola de Baile Tedaga. As xornadas “Mulleres en vermello” contarán de novo cunha pasarela solidaria a favor do Centro de Recursos Solidarios de Narón. Participarán na mesma socias de Amicor, de Dignidade e outras persoas voluntarias, que se subirán ao escenario para desfilar vestidas de vermello con roupa de establecementos colaboradores e tamén de particulares. Desde a organización recordouse que as persoas que queiran acudir ao desfile solidario terán que entregar na entrada do Auditorio un quilo de alimentos non perecedeiros, que se doará ao Centro de Recursos Solidarios de Narón, como cada ano. Ao respecto, Conrado Vilela, que agradeceu a colaboración do Concello, puntualizou que tamén se pode doar roupa, calzado e, sobre todo, incidiu na escasez de artículos de alimentación e hixiene para bebés. Tralo desfile actuarán o solista e compositor Xoán Rubia, a tamén solista Layla e haberá unha exhibición de baile de dúas parellas sénior da Escola Tedaga e unha actuación de baile do grupo Coredance do Val. Dopico asegurou que o obxectivo desta xornada é “informar e educar ás mulleres sobre as enfermidades cardiovasculares, para o que programamos a conferencia na que participarán varios especialistas sanitarios, co fin de que indiquen medidas de prevención e tamén para detectar posibles síntomas desta enfermidade, para así poder diagnosticala a tempo e indicar o tratamento máis axeitado en cada caso”. O edil naronés animou á veciñanza a asistir a estas xornadas “informativas e, ao tempo, solidarias”.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal