O CONCELLO PRESENTA UN VÍDEO E UNHA WEB DIRIXIDOS A ALUMNADO DE EDUCACIÓN INFANTIL CON INFORMACIÓN E ACTIVIDADES SOBRE A CIDADE
A abella Nara é a protagonista desta proxección que as nenas e os nenos de cinco anos poderán ver no salón de plenos municipal, no marco das visitas escolares impulsadas a través do Programa de recursos educativos de apoio á escola
Narón, 5 de outubro de 2017. A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e a edil de Ensino, Mercedes Taibo, deron a coñecer unha nova iniciativa enmarcada no Programa de recursos educativos de apoio á escola impulsado desde o Concello. Trátase dun vídeo dirixido a nenas e nenos de cinco anos a través do que unha abella, de nome Nara, lles presenta varios rincóns da cidade, así como parte da súa historia e que o alumnado de Infantil poderá ver a partir do próximo mes de xaneiro nas súas visitas ao Consistorio, tal e como avanzou Taibo.
“Un conto para coñecer o Concello” é o título deste vídeo, que se proxectará no salón plenario e que se complementa, tal e como se indicou, cunha páxina web na que se pode ver e tamén descargar diverso material dirixido aos menores con actividades relacionadas coa cidade, para recortar, pintar… A través da páxina: http://naradenaron.es/ pódese ver o vídeo, cunha duración de dez minutos, e tamén acceder ás actividades descargables (labirinto, colorea, une con frechas e diferenzas).
A abella Nara, protagonista do vídeo, vai guiando ás nenas e nenos por Narón (de donde vén o seu nome), falándolles da poboación, das parroquias e dos elementos ou instalacións máis característicos de cada unha delas (Aldea Nova en Sedes, o muíño de Pedroso, a Ponte de Pielas en Doso…), da historia da cidade (co seu escudo e a bandeira) e tamén da orixe do nome de Narón.
Así mesmo, a través da nova páxina web, as persoas interesadas poden acceder a unha instancia que, unha vez cumplimentada e entregada no Rexistro municipal, lles permite que os menores participen nas visitas que cada curso escolar, entre os meses de xaneiro e maio, se realizan ao Consistorio. A través do enlace: http://naradenaron.es/wp-content/uploads/2017/09/S-SOC-05_Recursos_Educativos_Apoio_Escola_LPACAP.pdf pode descargarse o modelo de solicitude.
“Os escolares de educación Infantil terán a oportunidade de coñecer a nosa cidade a través de Nara, unha abella que sen dúbida fará que os menores obteñan información básica sobre a cidade dun xeito adaptado á súa idade e con actividades educativas e, ao tempo, lúdicas centradas en todo momento no noso Concello”, destacou Taibo.
Na mesma liña se manifestou a alcaldesa, Marián Ferreiro, que subliñou o éxito do Programa de Recursos educativos de apoio á Escola impulsado polo Concello e avanzou que “desde o goberno local continuaremos traballando e aunando esforzos entre os distintos departamentos para que o alumnado dos centros educativos de Narón coñeza cada rincón da zona urbana e rural deste municipio”.