O PADROADO DA CULTURA AMPLÍA O PRAZO DE MATRÍCULA NAS ESCOLAS CULTURAIS MUNICIPAIS
As persoas interesadas en anotarse nalgunha das Escolas poderán formalizar a matrícula ata o vindeiro 13 de outubro nas oficinas do Pazo da Cultura
Narón, 6 de outubro de 2015. As persoas interesadas en matricularse nas Escolas Culturais Municipais dispoñen dunha semana máis de prazo para tramitar as súas solicitudes. Así o anunciou a presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, que recordou que o período para anotarse remataba inicialmente hoxe pero que se ampliará ata o vindeiro 13 de outubro. As matrículas pódense formalizar nas oficinas do Pazo da Cultura, de luns a venres, en horario de mañá e tarde, de 9.00 a 14.00 e de 17.00 a 19.00 horas, e o sábado de 10.00 a 13.00, presentando o DNI da persoa interesada e aboando a correspondente taxa.
A elevada demanda de prazas levou ao Padroado da Cultura a ampliar o horario de matriculación nas Escolas tradicionais (Danza, Gaita, Acordeón, Percusión tradicional, Canto e pandeireta, Zanfona, Construción de instrumentos, O Recuncho dos Pequechos); nas Escolas Artísticas (Debuxo e Teatro) e na Escola de Formación Actoral.
As persoas interesadas en consultar as tarifas das Escolas Culturais Municipais poden facelo a través do enlace: https://www.padroadodecultura.es/sites/default/files/Escolas%20Culturais%20%20int%2017-18%20comp.pdf. Para obter máis información pódese chamar ao Pazo da Cultura, ao número de teléfono 981 391 144 ou escribir un correo electrónico á dirección: d.canovas@naron.es.