A edil responsable da área, Mercedes Taibo, animou á cidadanía a participar nas diferentes actividades programadas desde o Concello, que se desenvolverán en horario de mañá e tarde
Narón, 20 de outubro de 2017. A Praza de Galicia será o espazo donde se celebrarán mañá os actos programados polo Concello de Narón para conmemorar o Día das Bibliotecas. Baixo unha carpa instalada na citada ubicación sucederanse durante a mañá e a tarde, en horario de 11.30 a 14.00 e de 16.30 a 19.30 unha serie de actividades dirixidas a todo tipo de públicos, tal e como recordou a edil responsable da área de Bibliotecas, Mercedes Taibo.
A partir das 11.00 abrirá a carpa, donde se poderán consultar as últimas novidades da Biblioteca municipal –que permanecerá mañá pechada- para público infantil e adulto e desde as 11.30 ata as 13.30 as persoas que acudan terán a oportunidade de participar na elaboración dun calendario colaborativo de 2018, que se entregará ás usuarias e usuarios da Biblioteca local. Así mesmo, de xeito simultáneo, ás 11.30 comezará unha sesión de "Nanocontos" para bebés e ás 12.30 outra sobre "A maleta da avoa", ambas a cargo de Raquel Queizás. As actividades matinais rematarán ás 14.00 horas.
Pola tarde a Banda Infantil da Agrupación Cultural Musical Sementeira será a encargada de abrir a programación, cun concerto que dará comezo ás 16.30 horas. Entre as 17.00 e as 19.00 a veciñanza e visitantes continuarán traballando no calendario colaborativo e nese mesmo horario ofrécese outra proposta, un obradoiro de rap para mozas e mozos a cargo da Vella Escola. As actividades programadas para a xornada, nas que se anima desde o Concello a participar á veciñanza de Narón e comarca, rematarán ás 19.30 horas.