Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO PROGRAMA VARIOS ACTOS PARA CONMEMORAR O DÍA DAS PERSOAS MIGRANTES
As actividades desenvolveranse os días 15 e 16 de decembro nas instalacións do Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros e do Centro Comercial Dolce Vita Odeón
Narón, 13 de decembro de 2017. As edís de Acción Social e Igualdade, Catalina García e Teresa Sabio, respectivamente, presentaron hoxe acompañadas por Maite Martínez, da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui (Sogaps), e Soledad Lucero, do Patronato Concepción Arenal, os actos programados con motivo do Día das Persoas Migrantes, que se celebrarán na cidade os días 15 e 16 de decembro. As edís naronesas agradeceron “a colaboración e implicación” tanto das dúas entidades anteriormente citadas como das asociacións Gaikai, Senegaleses de Narón, Comercio Xusto, Mobilidade Humana e Xeración, que colaboran neste programa. Na xornada do venres, día 15, a cita será nas instalacións do Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros, a partir das 16.30 horas, tal e como anunciou a concelleira de Acción Social. Ao longo da tarde desenvolveranse unha serie de mesas informativas, comezando coa de “O sistema xurídico de estranxeiría español”, a cargo de Carlos Villar Arévalo, letrado de Icacor e coordinador do Programa Afrodita de Atención a Vítimas de trata de seres humanos. A segunda das mesas será ás 17.45 cunha mesa sobre “A vulnerabilidade das mulleres inmigrantes fronte á violencia de xénero”, con Silvia Pérez, socióloga e investigadora en materia de Igualdade de Oportunidades e Violencia de Xénero. Tras un pequeno descanso, que será entre as 18.45 e as 19.00 horas, chegará o turno da última das mesas programadas para esta xornada, na que Hassana Aalia, activista saharaui, falará sobre “Vivencias no Sahara”. Os actos programados continuarán o sábado 16 no Centro Comercial Dolce Vita Odeón. Entre as 18.00 e as 21.00 horas desenvolveranse varias propostas, abertas á participación da cidadanía en xeral. Obradoiros de Cociña en vivo, baixo o título “Sabores de mi tierra”, e nos que se elaborarán, exporán e degustarán pratos típicos de Ecuador, México, Senegal, Venezuela, Perú, Polonia, Italia, Armenia, do Sáhara… Tamén pola tarde haberá unha degustación e exposición de artesanía do Comercio Xusto, un obradoiro de xogos do mundo (Ecuador, México, Venezuela, Colombia, China, Xapón e Corea), unha mostra de traxes típicos de países como Perú, Ecuador, Medio Oriente, Senegal e Manga Xaponés, unha exposición de fotografías do Sahara, Ecuador, India e Senegal de Lucas Blanco e un Photocall do Día das Persoas Migrantes. Na tarde do sábado haberá ademais entre as 19.00 e as 19.30 horas obradoiros de música e baile multiculturais, sobre danza do ventre, tango, milonga, roda cubana, bachata e poesía dominicana. Catalina García valorou “o traballo que cada unha destas entidades realiza ao longo do ano coa veciñanza da nosa cidade” e apuntou que na actualidade están censadas en Narón un total de 2.445 persoas procedentes doutros países, maioritariamente de América -1.274- e Europa -917- pero tamén de África -166-, Asia -86- e Australia -2-. Na mesma liña se pronunciou Teresa Sabio, destacando a “colaboración que amosan estas entidades coas iniciativas impulsadas desde o Concello naronés”. As dúas edís naronesas convidaron á cidadanía a participar nos diferentes actos programados esta semana con motivo do Día das Persoas Migrantes.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal