Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A PARROQUIA DE PEDROSO ESTREA UN CENTRO CÍVICO SOCIAL COFINANCIADO POLO CONCELLO E A DEPUTACIÓN
A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González, presidiron a inauguración das instalacións acompañados por representantes da AVV Virxe da O e da Asocaciación da Terceira Idade San Salvador de Pedroso
Narón, 2 de marzo de 2018. A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González, presidiron esta tarde a inauguración do Centro Cívico Social de Pedroso. Representantes da corporación local, da Asociación de Veciños Virxe da O, e da Terceira Idade San Salvador, de Pedroso, entre outras veciñas e veciños da parroquia, acudiron a esta convocatoria. A rexedora local apelou á importancia da “colaboración entre administracións para levar a cabo actuacións como a que hoxe estamos inaugurando en Pedroso”, e agradeceu a “total colaboración e boa disposición de González Formoso para poder axilizar un convenio que lamentablemene quedou paralizado no mandato anterior, co consecuente retraso que iso supuxo para poder iniciar os traballos”. Ferreiro recordou tamén no acto a labor desenvolvida polo seu predecesor no cargo, José Manuel Blanco, e subliñou que “este Centro Cívico Social de Pedroso é un compromiso adquirido no seu día polo goberno local coa veciñanza desta parroquia, un compromiso que hoxe é unha realidade e que esperamos que o resultado sexa do voso agrado e que a partir de agora desfrutedes ao máximo destas novas instalacións”. Pola súa parte, o presidente da administración provincial destacou o investimento realizado, de 270.000 euros, “para rehabilitar e adaptar esta antiga Casa Reitoral como centro social e cultural que a partir de hoxe está a disposición de todos os veciños e veciñas de Pedroso e que acollerá numerosas actividades de carácter social e cultural”. “Hoxe estamos ante un centro que supón un exemplo máis da estreita colaboración que manteñen a Deputación e o Concello de Narón para mellorar as infraestruturas e servizos do municipio”, destacou González Formoso. O Concello de Narón e a Deputación da Coruña asinaron no ano 2015 un convenio de colaboración para cofinanciar os traballos que permitiron recuperar a antiga Casa Reitoral de Pedroso. O goberno local de Narón xestionou no ano 2010 a compra da edificación ao Obispado de Mondoñedo-Ferrol, comprometéndose a destinar o inmoble a un espazo para as asociacións da parroquia de Pedroso, donde ata o momento non existía un local social de titularidade municipal. A vivenda, construída a principios do século XX e abandoada durante dúas décadas, foi obxecto dunha considerable intervención, que implicou a demolición de anexos, o baleirado do interior e a redución da altura –demoleuse unha planta- para adaptalo ao PXOM. As obras, iniciadas no ano 2016, consistiron na ampliación da planta baixa, para habilitar un ambigú con cociña, o hall de acceso, oficina, servizos, sala de usos múltiples, almacén e o canón de comunicación coa planta alta. Nese primeiro piso reserváronse espazos para as asociacións e no baixocuberta un local diáfano para desenvolver actividades. No exterior da edificación adecentouse unha parcela, que agora conta cunha superficie construída de 422 metros cadrados, dentro dunha superficie que ronda os 1.200 metros cadrados. A Deputación da Coruña e o Concello cofinanciaron os 270.000 euros que custou a intervención –asumiron o 80% e o 20%, respectivamente-. “O conxunto desta intervención axúdanos tamén a continuar poñendo en valor os núcleos rurais da cidade. Uns núcleos nos que as veciñas e veciños deben gozar dos mesmos servizos que na zona urbana. Ese é o obxectivo polo que continuaremos traballando desde o goberno local, donde seguiremos apostando pola zona rural con novos proxectos”, asegurou a alcaldesa da cidade. No transcurso do acto oficial descubriuse unha placa conmemorativa e, ao final, os asistentes realizaron un percorrido polas instalacións, amenizado musicalmente pola Banda do Garaxe, da Agrupación Cultural Musical Sementeira, e degustaron un pequeno ágape.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal