Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A CORPORACIÓN LOCAL HOMENAXEOU A MARÍA DEL CARMEN FERNÁNDEZ, SARI ALABAU E MERCEDES PIÑEIRO, MULLERES DO ANO DE NARÓN 2018
As tres mulleres homenaxeadas formaron parte da primeira corporación democrática da cidade, no ano 1979
Narón, 7 de marzo de 2018. As tres Mulleres do Ano de Narón 2018, María del Carmen Fernández Merlán, Sari Alabau Albors e Mercedes Piñeiro Cabalo foron homenaxeadas esta mañá no Concello, no marco do programa do Día Internacional da Muller, que se conmemora o 8 de Marzo. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, presidiu a convocatoria, acompañada pola edil de Igualdade, Teresa Sabio, os portavoces dos grupos políticos municipais e por outros edís da corporación. Familiares e amigos das homenaxeadas, así como o exalcalde Antonio Martínez Aneiros (rexedor da cidade entre os anos 1979 e 1985) asistiron tamén ao acto institucional, celebrado a partir das 12.30 horas e co que se recoñeceu públicamente a labor destas tres mulleres que formaron parte da primeira corporación democrática de Narón, no ano 1979. A alcaldesa e a concelleira de Igualdade presentaron ás homenaxeadas ante os asistentes ao acto. Sabio destacou a “valentía que amosaron para implicarse na política naqueles tempos” e tamén a súa “vitalidade e bravura”. Pola súa banda, Marián Ferreiro, agradeceulles publicamente o feito de que “nos abrisen o camiño en política ás que viñemos detrás, ás nosas fillas e netas”. Así mesmo, a rexedora local subliñou o “traballo e a responsabilidade” destas mulleres antes de proceder a ler a declaración institucional que se aprobou por unanimidade –no pleno do pasado mes de febreiro- para o nomeamento das tres mulleres homenaxeadas hoxe. María del Carmen Fernández (Neda, 1938) formou parte dos grupos da oposición, nas filas de Unión Centro Democrático. Recordou hoxe algunhas das anécdotas da época, comezando polo “descoñecemento do que tiñamos que facer no Concello”, tal e como apuntou. “Entre todos os grupos fomos saíndo ben, nunca nos enfadábamos e levábamonos todos ben”, asegurou. Outra das mulleres homenaxeadas foi Sari Alabau (Valencia, 1946) que formou parte do Partido Comunista de Galicia (PCG) e ostentou a delegación de Servizos. “Comezamos con gran ilusión porque moitas de nós votamos por primeira vez na trintena; tiñamos tamén ganas de traballar e dedicábamoslle moito tempo e horas á política despois de saír dos nosos traballos”, apuntou. Alabau compartiu tamén anécdotas da época, como as altas horas ás que remataban plenos e comisións municipais e que fixeron que a súa filla “viñese comigo aos plenos e durmise alí nun banco, algo que hoxe ela recorda con moito cariño”. A construción do primeiro centro de saúde do concello, en Piñeiros, é un dos logros da época que recordou hoxe Alabau, que incidiu en que “o respecto mutuo e o traballo conxunto non faltaron”. Pola súa parte, Mercedes Piñeiro (Cabanas, 1940) ostentou a delegación de Sanidade baixo as siglas de Unidade Galega (UG). Comentaba hoxe na homenaxe que un coñecido lle chegou a preguntar ao seu marido como deixaba que a súa muller se metese na vida política da época porque, díxolles, “tíñavos por xente formal”. “Fomos moi valentes”, asegurou Piñeiro, que rematou a súa intervención dicindo que pensa que hoxe en día “o Concello está en boas mans”. As homenaxeadas, que agradeceron este recoñecemento por parte da corporación local, recibiron de mans da alcaldesa un pergamiño co acordo plenario no que por unanimidade se acordou nomealas Mulleres do Ano de Narón 2018. Entregoulles tamén Marián Ferreiro unha réplica da escultura “Anduriña” (o orixinal está ubicado na Praza da Gándara), do escultor luso Manuel Patinha –Fillo Adoptivo de Narón desde 2016- en recordo desta data, e a edil de Igualdade deulles unhas entradas para a Cea da Muller –que se celebrará o día 16 deste mes- e un ramo de flores.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal