Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
AS TRES ESCOLAS INFANTÍS MUNICIPAIS REXISTRARON PRETO DE DUASCENTAS SOLICITUDES DE PRAZA PARA O CURSO 2018-2019
Os datos do listado provisional de admitidas/os coñeceranse a principios de xuño, cando se realice a distribución dos menores atendendo ao horario solicitado, tal e como indicou a concelleira de Ensino, Mercedes Taibo
Narón, 26 de marzo de 2018. As tres garderías municipais rexistraron un total de 186 solicitudes de praza para o curso 2018-2019. Así o indicou a concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, que explicou que a maior demanda se rexistrou para a escola infantil da Gándara e para nenas e nenos de 1 a 2 anos e de 2 a 3. “Trátase duns datos que polo momento son provisionais, xa que agora procederase a distribuír, según os turnos solicitados, de mañá, tarde ou xornada completa, aos menores, co que o listado provisional da ocupación das tres escolas infantís municipais coñecerase na primeira semana do mes de xuño”, apuntou Taibo. Unha vez que estea rematado exporase ao público dez días e a continuación procederase a coñecer a situación definitiva respecto ao nivel de ocupación de cada un dos centros, explicou. En canto ás prazas ofertadas para bebés de 0 a 1 anos, contabilizáronse un total de 19 solicitudes, das que nove son para o centro da Solaina; sete para o de Piñeiros e tres para o da Gándara. Para o grupo de 1 a 2 anos hai un total de 86 solicitudes, das que 28 son para a gardería da Solaina; 21 para a de Piñeiros e 37 para a da Gándara e, por último no grupo de 2 a 3 anos rexistráronse 81 solicitudes: 27 para o centro da Solaina; 22 para o de Piñeiros e 32 para o da Gándara. “En canto ás diferencias con respecto ao ano anterior, nesta ocasión solicitáronse dezaoito prazas menos para a primeira franxa de idade, de 0 a 1 anos, o mesmo número de prazas para o grupo de idade de 1 a 2 anos e un total de nove máis para os de 2 a 3 anos”, explicou Taibo. Ao número de solicitudes novas hai que sumar as reservas que figuran xa no caso dos grupos de 1 a 2 anos e de 2 a 3, indicou a concelleira de Ensino. “No caso da gardería da Solaina tiñamos xa contabilizadas en total 48 reservas; na de Piñeiros 44 e na da Gándara outras 44”. “A elevada demanda que ano tras ano rexistran as escolas infantís municipais vén a constatar a necesidade do esforzo inversor realizado desde o Concello para poder atender un servizo prioritario para as nosas veciñas e veciños”, asegurou Taibo. As garderías municipais da Solaina, Piñeiros e A Gándara abren as súas portas de luns a venres en horario de 7.30 a 20.00.

<<< Agosto 2022 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
www.naron.es