Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
MÁIS DE 450 MAIORES PARTICIPAN NAS ACTIVIDADES DO PROGRAMA MUNICIPAL ENVELLECEMENTO ACTIVO
Este ano convocáronse un total de corenta e seis obradoiros que se imparten desde o pasado mes de setembro nos centros municipais de maiores e locais sociais da zona urbana e rural, tal e como explicou a concelleira de Promoción Social e Igualdade, Teresa Sabio
Narón, 12 de abril de 2018. Un total de 452 persoas maiores de Narón participan desde o pasado mes de setembro nalgún dos corenta e seis obradoiros programados polo Concello de Narón a través do programa de Envellecemento Activo. A edil de Promoción Social e Igualdade, Teresa Sabio, destacou o feito de que “ano tras ano estas propostas convócanse tanto nos centros comunitarios municipais como nos cívicos sociais da zona urbana e rural, ofrecendo así á nosa veciñanza unha alternativa saudable baseada tanto na práctica de deportes como noutras actividades culturais, musicais…”. A concelleira naronesa recordou que entre as propostas da área deportiva se atopan modalidades como Ximnasia rehabilitadora ou Ioga, se ben tamén se imparten sesións de Memoria, Apoio á informática, Labores, Cursos de comunicación e de Lectura e escritura, Canto coral e Cancións de animación. “En función da modalidade elixida as sesións son dunha hora ou hora e media de duración e os participantes teñen que aboar unha taxa recollida na pertinente ordenanza que é de 8,15 euros ao mes”. As actividades do programa municipal de Envellecemento Activo continuarán impartíndose ata o 29 de xuño. Desde o Concello ofrecéronse, como cada ano, tanto ao Centro Municipal de Maiores das Vivendas da Mariña como ao Centro Integrado Sociocomunitario Interxeracional Manuela Pérez Sequeiros e, a maiores, aos locais sociais de Virxe do Mar, San Mateo, Piñeiros, O Alto, Freixeiro, Pedroso, Doso, Xuvia, A Solaina, Sedes, Ferrerías, San Xiao, Castro e ao Fogar de Maiores da Cooperativa do Val. “Desde o Servizo Sociocomunitario Municipal deséñase esta programación, que despois se oferta nos centros de maiores e locais sociais da zona urbana e rural para que as veciñas e veciños elixan dentro desa oferta as súas preferencias de cara a impartir os diferentes cursos sempre e cando se formen grupos cun número mínimo de integrantes”, explicou Sabio. A edil naronesa agradeceu a excelente disposición das veciñas e veciños de Narón á hora de participar nas actividades que se organizan cada ano a través do programa municipal de Envellecemento Activo. “Grazas a todas e todos eles continuamos desenvolvento estes obradoiros e moitos outros que se convocan puntualmente ao longo do ano en diferentes ubicacións da cidade, e así o seguiremos facendo mentres teñan esta gran acollida”, asegurou Sabio. A concelleira avanzou tamén que se está ultimando a programación do Encontro Interxeracional que se celebrará o vindeiro mes de xuño e co que se pechará a programación de Envellecemento Activo de Narón.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal