Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A DEPUTACIÓN BRINDA AO CONCELLO A SÚA COLABORACIÓN NA CLAUSURA DO "2º CONGRESO GALEGO DE SEGURIDADE E EDUCACIÓN VIARIA CIDADE DE NARÓN" PARA CONTINUAR IMPULSANDO INICIATIVAS NESTAS ÁREAS
A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o deputado provincial Juan José Penabad clausuraron esta segunda edición do Congreso, celebrado os días 3 e 4 de maio no Auditorio municipal
Narón, 4 de maio de 2018. O Auditorio municipal acolleu esta mañá a xornada final do programa do “2º Congreso Galego de Seguridade e Educación Viaria Cidade de Narón”. A alcaldesa, Marián Ferreiro, e Juan Penabad Muras, deputado provincial –integrante da Comisión de Infraestruturas Viarias, Vías e Obras Provinciais e Medio Ambiente-, participaron na convocatoria, coa que rematan dous intensos días nos que recoñecidos profesionais na materia analizaron e compartiron experiencias sobre educación e seguridade viaria. A programación desta mañá abriu ás 10.00 horas, cunha mesa de traballo –a cuarta deste programa- sobre “Smart Mobility: mobilidade en entornos urbanos”. Ao igual que nas tres mesas celebradas ao longo da mañá e na tarde de onte, unha moderadora, neste caso a arquitecta urbanista Lorena Pardiñas, encargouse de regular as intervencións dos poñentes: Joan Josep Isern, responsable de Planificación e Infraestruturas do Departamento de Interior da Generalitat de Cataluña e exdirector xeral do servizo catalán de Tráfico; Javier Llamazares, economista e director xeral da Fundación Española para a Seguridade Viaria (Fesvial), e Ana Rosa Llorente, xefa do departamento de Planificación do Concello de Madrid. No transcurso desta mesa analizáronse temas como a seguridade viaria laboral ou diferentes aspectos e conceptos relacionados coa mobilidade, pilar básico, tal e como coincidiron en subliñar os poñentes, para a seguridade viaria. Llamazares insistiu na necesidade de “comezar a traballar neste ciclo desde pequenos e continuar facéndoo de adultos” para, a continuación, dar paso a un vídeo sobre a importancia do respecto e a formación nesta materia. A coordinación do traballo entre administracións, organismos, formadores, lexisladores e cidadáns foi un dos puntos abordados na mesa de traballo desta mañá, donde tamén se fixo especial fincapé na necesaria convivencia entre ciclistas, peatóns e condutores. Rematada a cuarta e última mesa deste Congreso abriuse un foro de debate e, a continuación, un turno de preguntas, nos que se implicaron activamente os asistentes. Finalmente deu comezo o relatorio de clausura deste evento, no que María Isabel Viruez, axente sociocultural do Concello de Alhama (Granada), abordou a temática de: “Poñer en marcha unha acción dentro do programa Erasmus +”, que unha vez rematado deu paso a outro turno de preguntas. Viruez amosou unha serie de exemplos prácticos e subliñou a importancia das axudas en xeral e das europeas en particular para desenvolver proxectos encamiñados nesta mesma liña. A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, entregou aos poñentes uns agasallos institucionais ao remate da mesa de traballo de hoxe –tamén nas da xornada de onte- e do relatorio de clausura, agradecendo a colaboración e implicación de tódolos participantes e tamén expresamente tanto á Concellería de Seguridade Viaria, que dirixe o edil Guillermo Sánchez Fojo, como do equipo de Educación Viaria, da Deputación da Coruña, da comunidade educativa e das empresas, clubes e entidades que apoian ano tras ano as múltiples iniciativas impulsadas polo Concello nesta área. Tamén se encargou Ferreiro de entregar un agasallo institucional, a modo de homenaxe, a José Manuel López Marín, vicepresidente da Fundación CNAE, pola súa traxectoria e importante labor no eido da seguridade e educación viarias e a súa contribución co equipo de Educación Viaria do Concello de Narón. O deputado provincial Juan Penabad -alcalde de Ortigueira- foi o encargado de pechar o “2º Congreso Galego de Seguridade e Educación Viaria Cidade de Narón”. Penabad desculpou a ausencia, por motivos de axenda, de Valentín González Formoso, presidente da administración provincial, e transmitíu a satisfacción do equipo da Deputación “por poder colaborar co Concello na organización deste Congreso”. “Narón segue sendo un referente a nivel galego, froito dun traballo persistente e comprometido que acreditan numerosos recoñecementos”, destacou Penabad. O deputado provincial agradeceu expresamente o traballo do equipo de Educación Viaria do Concello, e o das diferentes corporacións e alcaldías do municipio, así como o do conxunto da poboación implicada con estas materias. “Desde a Deputación seguiremos implicados en apoiar este tipo de iniciativas e sumando coñecementos”, asegurou, para a continuación dirixirse á alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e ofrecerlle o apoio da administración provincial. “Marián, sodes imprescindibles, pide o que precises”, indicou Penabad.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal