A CANTAUTORA GALEGA SÉS PRESENTARÁ ESTE SÁBADO NO PAZO O SEU ÚLTIMO TRABALLO, READMIRANDO A CONDICIÓN
A cita será a partir das 20.00 horas e as últimas entradas dispoñibles poden adquirirse na billeteira do Pazo ou na web do Padroado da Cultura
Narón, 8 de maio de 2018. A cantautora galega María Xosé Silvar, Sés, presentará este sábado, día 12, en Narón, o seu novo disco, Readmirando a condición (2017). Durante case dúas horas o público terá a oportunidade de desfrutar no Pazo da Cultura coa música desta recoñecida cantautora. O concerto comezará ás 20.00 horas e as últimas entradas dispoñibles están á venda na billeteira do Pazo e na web do Padroado da Cultura: www.padroadodecultura.es. O prezo é de 12 euros para o público xeral e de 8,40 para abonados, desempregados e persoas con carné xove ou de estudante (ata 25 anos).
No ano 2007 Sés creou, xunto con varios amigos o grupo musical Chámalle Xis! Era o inicio dunha intensa carreira musical que na última década levou a esta cantautora a sacar ao mercado cinco discos e a protagonizar numerosos concertos. O seu último disco, Readmirando a condición, consta de doce cancións, das que once son do seu primeiro álbum, pero cunha sonoridade máis potente, diferente á das cancións orixinarias, e gravadas, producidas e arranxadas pola propia Sés.
Acompañarán á artista nesta xira os seus músicos habituais: Tito Calviño (guitarra); Fernando Fraga (baixo), Lorena “Cachito” Martín (batería), Lucía Cela, Lucía Souto e Rebeca Lamas (coros) e Chicho Cordero (percusión).