Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A "XI MARCHA CICLISTA ESCOLAR DE NARÓN" PECHOU OS ACTOS DA SEMANA DA MOBILIDADE E EDUCACIÓN VIARIA
Esta iniciativa impulsada polo Concello congregou no paseo marítimo de Xuvia a máis de 1.200 rapaces e rapazas que se desprazaron en bicicleta desde os centros escolares
Narón, 11 de maio de 2018. Algo máis de 1.200 escolares de terceiro, cuarto, quinto e sexto curso de educación Primaria dos colexios de Narón, xunto con usuarios da Asociación Nuestra Señora de Chamorro e un grupo de rapazas e rapaces do colexio Maciñeira, de Neda, participaron na undécima edición da Marcha Ciclista Escolar organizada polo Concello de Narón. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Seguridade Cidadá e Transporte Público, Guillermo Sánchez Fojo, desprazáronse ao paseo marítimo de Xuvia para recibir aos menores á súa chegada. Ferreiro valorou a “excepcional acollida que un ano máis tivo na cidade este evento, máis que consolidado en Narón e no que temos a sorte de poder contar coa colaboración dos centros, das Anpas, e de moitos pais e nais que acompañan aos seus fillos e fillas neste percorrido en bici, algo que agradecemos desde o goberno local”. Pasadas as 10.00 horas, e baixo ameaza de chuvia, saían dos centros escolares os participantes na XI Marcha Ciclista Escolar coa que se clausuraron os actos da Semana da Mobilidade e Educación Viaria do Concello de Narón. Unha intensa semana de actividades en diferentes ubicacións da cidade e dirixidas a varios colectivos, que se iniciaron o pasado luns e que remataron este mediodía. A choiva que por momentos caía non impediu aos rapaces e rapazas chegar pedaleando ao paseo de Xuvia, a través de tres rutas –divididas por centros- e con dous puntos de encontro, un nas inmediacións do Pazo da Cultura e outro na rotonda de Freixeiro. O alumnado dos colexios Virxe do Mar, Ayala, A Gándara, Santiago Apóstol, Jorge Juan, Ponte de Xuvia, Piñeiros, O Feal, Maciñeira e usuarios de Nuestra Señora de Chamorro gozaron dunha xornada deportiva e lúdica e tomaron un bocadillo e un refresco á súa chegada a Xuvia. Pasadas as 12.00 horas comezaba unha exhibición a cargo da Unidade Canina do Tercio Norte, unha actividade que xa se convocou en anos anteriores coincidindo con este evento e que logra cada ano despertar o interese dos escolares que participan na Marcha Ciclista Escolar. Rematada a exhibición os rapaces e rapazas colleron de novo as súas bicicletas e regresaron aos seus respectivos centros escolares. A alcaldesa e o concelleiro de Seguridade Cidadá e Transporte Público destacaron o traballo realizado desde o equipo de educación Viaria de Narón para poder desenvolver os actos convocados nesta área, así como a colaboración da Policía Local, de Protección Civil e do Speis de Narón. “Grazas á labor de toda a xente implicada nestas áreas podemos continuar fomentando na nosa cidade a seguridade e a educación viaria, formando ás nenas e nenos que hoxe son peóns ou ciclistas e que no futuro serán tamén condutores, inculcándolles uns importantes coñecementos en materia de seguridade viaria que lles serán moi útiles no seu día a día”, subliñou Ferreiro.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal