Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A CORPORACIÓN LOCAL APROBOU POR UNANIMIDADE NO PLENO UNHA MOCIÓN PARA INSTAR Á XUNTA A ABRIR UNHA VÍA DE DIÁLOGO COA VECIÑANZA AFECTADA POLA SENDA PEONIL E CICLISTA DO VAL
Na sesión aprobáronse definitivamente os orzamentos municipais deste ano, tras desestimarse a única alegación presentada ao documento
Narón, 31 de maio de 2018. A corporación local de Narón aprobou por unanimidade na sesión plenaria desta tarde unha moción presentada polo tripartito naronés –Terra Galega, PSOE e BNG- para instar á Consellería de Infraestruturas e Vivenda a abrir unha vía de diálogo coas veciñas e veciños afectados pola senda peonil e ciclista proxectada pola Xunta nas estradas AC-116 e AC-114. A finalidade é, tal e como recolle o documento, “diminuír a afección do proxecto”. Así mesmo, rexeitouse a presentada polo Grupo Mixto sobre este mesmo asunto. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, apelou en varias ocasións á unidade da corporación para que saíse do pleno unha declaración institucional conxunta, “para facer máis forza de cara a que a Xunta abra esa vía de diálogo coas veciñas e veciños” pero finalmente non foi posible. O portavoz de Terra Galega, Guillermo Sánchez Fojo, defendeu a moción do tripartito naronés, asegurando que o goberno local “entende a preocupación das veciñas e veciños afectados” e incidindo no feito de que “o que queremos é que a Consellería convoque unha reunión para que cada afectado ou afectada poida explicar os problemas que considere e, se é preciso cambiar o proxecto desa senda peonil e ciclista, que se cambie”. “O que nós queremos é que se faga a senda pero sen perxudicar a ninguén e imos defender en todo momento os dereitos das veciñas e veciños de Narón”, recalcou o portavoz de TEGA. Antes de rematar o pleno tomou a palabra un representante veciñal, que expuxo o plantexamento dos afectados e afectadas polas obras. Na sesión plenaria aprobáronse definitivamente os orzamentos municipais correspondentes a este ano, trala desestimación dunha única alegación presentada ao documento durante o período de exposición pública. Un informe de Intervención considera que as citadas reclamacións, presentadas por ENE, poden ser desestimadas atendendo aos motivos expostos no pertinente documento. Neste punto, o concelleiro de Xestión Orzamentaria, Pablo Villamar, recalcou que o informe realizado pola Interventora municipal “é extenso e riguroso e di que estas alegacións son desestimables”. O orzamento municipal do Concello de Narón, cuxa aprobación definitiva se publicará no BOP para a súa posterior entrada en vigor, ascende este ano a 31,8 millóns de euros. Trátase do máis elevado da historia do Concello de Narón e, nesta ocasión, reserva para investimentos reais 2,8 millóns de euros, fronte aos 1,6 do orzamento de 2017. Tal e como se anunciou no seu día desde o goberno local, o saneamento, a pavimentación de viais, as melloras de accesibilidade e en eficiencia enerxética centrarán boa parte dos investimentos previstos, conxelando un ano máis as taxas municipais e reducindo paulatinamente a débeda. En canto á proposta sobre a revisión de prezos do contrato de recollida de lixo e limpeza viaria dos anos 2015 a 2017, aprobouse cos votos do tripartito e acordouse que a empresa adxudicataria do servizo, Urbaser, reintegre ao Concello 148.850,58 euros, que se corresponden coa suma dos abonos efectuados pola administración local por riba do valor do canon anual dos últimos tres anos. Desa contía, 47.515,87 euros correspóndense co exercicio de 2015; 71.981,55 co de 2016 e os 29.353,16 restantes co do ano pasado. No pleno desta tarde saíu tamén adiante a aprobación inicial do regulamento de Emerxencias, Protección Civil, Prevención e Extinción de Incendios e Salvamento do Concello de Narón (Speis) defendida polo tripartito naronés. O Concello aposta por iniciar un plan de estabilización para facer fronte á situación de provisionalidade que se rexistra na prestación deste servizo, o que implica a revisión do actual regulamento, aprobado no ano 2012, cando se prestaba o servizo a través dun convenio de colaboración co veciño Concello de Ferrol. No apartado de mocións aprobouse por unanimidade unha presentada polo Grupo Mixto (ENE), propoñendo á Xunta un convenio para a creación dunha residencia para maiores. No documento o Concello comprométese a poñer a disposición da administración autonómica os terreos urbanizados precisos para que se executen as obras. O grupo municipal do PSdeG-PSOE presentou unha moción sobre a Sociedade Estatal de Correos e Telégrafos, solicitando un plan estratéxico para garantir a súa viabilidade e negociando un novo pacto colectivo cos traballadores este ano que garanta a taxa de reposición e a estabilidade, entre outras medidas. Esta moción aprobouse coa abstención dos edís do PP. Por último, en canto á orde do día, saíu adiante coa única oposición do PP unha moción do BNG en apoio á folga xeral convocada para o vindeiro 19 de xuño, baixo o lema “Sumando loitas. Sobran razóns. Pola recuperación dos nosos dereitos. Na Galiza, sen emprego, salarios e pensións dignas”. Fóra da orde do día abordouse unha moción presentada polo PP con carácter de urxencia, sobre a sinatura dun convenio en materia de prevención de incendios coa Consellería de Medio Rural, que non se aprobou. O concelleiro de Xestión Orzamentaria apuntou que os prazos aos que se alude están totalmente pechados e subliñou que as competencias nesa materia son da administración autonómica. “O Concello está actuando en varias frontes: mantén un convenio coa Asociación Terra Rendible que atende e asesora aos propietarios de fincas no proceso de plantación forestal e ata a venda da madeira, intensificou os desbroces na zona rural a catro veces ao ano e ten a disposición da Xunta medios municipais como a motobomba (entre outros), que no seu día se pediu colaboración para adquirila pero se denegou”, apuntou o edil naronés.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal