Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO PROGRAMA ACTIVIDADES PARA IMPULSAR O MENÚ ÁRTABRO ENTRE O SECTOR HOSTALEIRO E A CIDADANÍA EN XERAL
A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, o edil de Promoción Económica, Pablo Villamar, e o médico e coordinador externo do programa 100.000 Motivos de Peso, Carlos Piñeiro, presentaron as iniciativas
Narón, 15 de xuño de 2018. A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, o concelleiro de Promoción Económica, Pablo Villamar, e o médico e coordinador externo do programa 100.000 Motivos de Peso, Carlos Piñeiro, presentaron o calendario gastronómico deseñado para impulsar o Menú Ártabro entre a cidadanía. A alcaldesa explicou que se trata “dun paso máis neste programa no que queremos continuar avanzando”. “Temos constancia de que distintos hostaleiros de Narón se van a sumar a esta iniciativa, polo que aproveito a ocasión para agradecer a súa colaboración, non só neste Menú Ártabro, senón tamén noutras iniciativas que impulsamos a través do Concello”, asegurou Ferreiro. A continuación, o edil de Promoción Económica, explicou que todos os hostaleiros que o desexen dispoñen de prazo ata o vindeiro venres, día 22, para apuntarse a esta iniciativa dirixida ao sector –a través do número de teléfono 607 082 232- que consta de dúas partes. A primeira delas, indicou Villamar, será o día 26, e consistirá nun obradoiro donde se explicará en que consiste o Menú Ártabro, que os participantes poderán ofrecer nos seus establecementos. Trátase dun menú saudable que se integrará no programa 100.000 Motivos de Peso. Haberá tamén actividades abertas á participación da cidadanía en xeral, a primeira semana de xullo, que consistirán nun obradoiro cunha explicación deste Menú Ártabro prevista no Auditorio municipal, con técnicos dietéticos e no que tamén intervirá Carlos Piñeiro, para explicar o obxectivo desta iniciativa e, a maiores, un obradoiro cun cociñeiro ou cociñeira que realizará unha demostración en vivo de elaboración de determinados menús. “Todo isto se publicitará a través dunha publicación que editaremos con menús saudables”, avanzou o edil naronés, que explicou que este calendario gastronómico aposta ademais por “fomentar o consumo de produtos de cercanía, como o pemento do Couto, o Tomate negro, produtos da ría… que encaixan perfectamente neste programa”. Na súa intervención, Carlos Piñeiro felicitou ao Concello de Narón “polo seu apoio e por iniciar este proceso, que vén definir un pouco o proxecto de tipo alimentario que imos facer e reflicte o concepto da cociña atlántica”. Sobre o mesmo, Piñeiro destacou que a dieta ártabra “é a dieta atlántica da Costa Ártabra, desde Ares ata Ortegal” e explicou que este proxecto “está vinculado á nosa cultura e historia e ten tamén un apartado pedagóxico na sociedade”. “É un proxecto multisectorial, pensado para que toda a poboación colabore”, destacou Piñeiro. O programa 100.000 Motivos de Peso obtivo recentemente o Premio Europeo da Obesidade 2018 na categoría de Mellor Programa de Participación Pública, que recolleu o médico Carlos Piñeiro en Viena. Resultou elixido entre os proxectos presentados por corenta e dous países e o xurado valorou fundamentalmente tres aspectos da iniciativa naronesa: a súa loita contra a obesidade, a prevención de enfermidades derivadas da obesidade e a solidariedade. Preto de 4.000 veciños e veciñas de Narón están inscritos xa neste programa, co que se pretende que cada participante reduza o seu peso nun 10% nun período de dous anos, para doar en alimentos non perecedoiros a mesma cantidade de peso perdida ao Centro de Recursos Solidarios de Narón.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal