Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O PADROADO DA CULTURA E A AVV ROSA DOS VENTOS IMPULSAN O "XX OENACH ATLÁNTICO" CUNHA FIN DE SEMANA DE MÚSICA, TEATRO E ACTIVIDADES PARA TODOS OS PÚBLICOS
O evento, declarado Festa de Interese Turístico de Galicia celebrarase os días 27, 28 e 29 de xullo na zona da campa do Trece, na parroquia de Sedes
Narón, 5 de xullo de 2018. A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e as concelleiras de Cultura, María del Carmen Espada, e de Turismo, Natalia Hermida, presentaron xunto cos artistas Cristian Silva e Uxía Senlle, representando esta última a María Fumaça a programación especial para o 20 aniversario do Oenach Atlántico que se celebrará na zona do Trece, na parroquia de Sedes. Ao acto acudiron tamén a tesoureira da Asociación de Veciños Rosa dos Ventos de Sedes, Sonia Fernández, e tres integrantes do Grupo de Teatro Comunitario da citada parroquia, Fina Castro, Enrique Rodríguez e Fina Montero. A entidade veciñal da parroquia colabora co Padroado da Cultura de Narón na organización deste evento, que recreará durante tres días, o 27, 28 e 29 de xullo, a vida dun poboado celta. O Concello impulsa esta festa de Interese Turístico de Galicia no seu vixésimo aniversario cunha ampla programación con concertos e representacións teatrais de calidade e cunha oferta dirixida especialmente ao público familiar, con multitude de actividades para os máis pequenos. Na presentación, a alcaldesa destacou o feito de que o Oenach Atlántico alcance este ano a súa vixésima edición “máis vivo que nunca” e convidou á cidadanía a acudir a esta festa, que comezará o día 27 deste mes co tradicional acendido do lume e continuará os días 28 e 29 con múltiples actividades. Ferreiro agradeceu o labor das veciñas e veciños de Sedes “durante todo o ano e os propios días da festa facendo as recreacións que se suceden na campa”. Así mesmo, resaltou a diferenciación deste evento con respecto a outros, polo seu especial arraigo coa tradición e o mantemento das raíces culturais e antropolóxicas grazas á absoluta entrega da veciñanza, realizando un chamamento á xente de fóra para que se una á veciñanza de Narón e acuda a esta celebración caracterizándose con vestimentas características da época celta. A concelleira de Cultura recalcou na presentación que esta festa “recrea a nosa historia, que son as nosas raíces, cunha representación da vida celta, as pallozas da campa… é un xeito de volver durante unha fin de semana a recordar a nosa historia como pobo, vivindo no presente, mirando ao futuro pero recordando a historia e transmitíndoa ás novas xeracións”. A continuación, Uxía Senlle agradeceu o feito de poder participar neste evento festivo “en nome de toda a familia María Fumaça” e avanzou que o vindeiro 28 de xullo, a partir das 17.00 horas protagonizarán un concerto “para todos os públicos e participativo, ao igual que esta festa. “María Fumaça tamén ten un proxecto de comunidade, como esta festa, que creo que encaixa perfectamente neste evento”. Máis de trinta persoas protagonizarán o espectáculo de María Fumaça, “cantando, bailando e fomentando a diversidade”, apuntou Senlle. Tamén o gaiteiro Cristian Silva amosou a súa satisfacción por poder participar nesta edición do Oenach Atlántico, "“unha noite máxica que coñecerei en profundidade neste evento"”. O Oenach arrincará o venres 27 xa pola noite, ás 22.00 horas, co tradicional acendido do lume e co espectáculo Dolmen que será estreado nesta 20 edición pola compañía do coñecido artista Pablo Méndez, inspirado na mitoloxía celta. A partir das 23.00 comezará un festival musical para os amantes da música de raíz, cos concertos de Dubidá Trío e de Cristian Silva. O sábado 28 estará repleto de xogos, obradoiros e espectáculos desde as 11.00 da mañá e ata a sesión vermú, con Lenda Ártabra. As actividades continuarán durante toda a tarde e ás 17.00 horas María Fumaça, o grupo estrela do público miúdo, protagonizará o concerto principal desta xornada. Ás 22.30, o Oenach vivirá o momento máis esperado, a súa tradicional Noite no Castro, cunha recreación teatral protagonizada polos veciños e veciñas do Grupo de Teatro Comunitario de Sedes sobre a vida cotiá nos castros. O domingo 29 as actividades comezarán de novo a partir das 11.00 e continuarán durante todo o día con teatro, xogos e obradoiros e a animación do Cuarteto Rinchón. Ademais, a compañía de títeres Tanxarina representará o seu espectáculo “Trogloditas” ás 12.00, ás 17.00 e ás 18.15 horas. O turno do Grupo de Teatro comunitario de Sedes será ás 13.00 horas e o concerto de clausura será ás 19.00 horas co grupo de música tradicional Mayalde. Ademais das actividades e concertos, os asistentes terán tamén unha zona gastronómica na que poderán probar diferentes produtos elaborados con porco celta, a raza autóctona galega que está en recuperación grazas aos pequenos produtores.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal