Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
AS INMEDIACIÓNS DA ZONA NA QUE SE CELEBRARÁ O OENACH ATLÁNTICO DISPORÁN DE PRETO DE 8.000 METROS CADRADOS PARA O ESTACIONAMENTO DE VEHÍCULOS
Música tradicional, teatro e recreación de actividades propias da época celto galaica centrarán a programación que se desenvolverá do 27 ao 29 de xullo na campa do Trece, en Sedes
Narón, 25 de xullo de 2018. A celebración, os vindeiros días 27, 28 e 29 de xullo, do Oenach Atlántico na parroquia de Sedes, levou ao goberno local a realizar unha serie de reestruturacións do tráfico na zona co fin de garantir a seguridade do evento e facilitar áreas de estacionamento ás persoas que acudan ao mesmo, que cumpre este ano a súa vixésima edición. Desde a Concellería de Seguridade Cidadá e Transporte Público, que dirixe o edil Guillermo Sánchez Fojo, anunciouse que se porán a disposición dos visitantes para estacionar os seus vehículos tres zonas cunha superficie conxunta que ronda os 8.000 metros cadrados. Unha parte da zona que habitualmente se destina a estacionamento para a Feira do Trece quedará pechada ao tráfico, e as pistas da zona da citada Feira quedarán tamén pechadas á circulación rodada a partir do vindeiro venres ao mediodía e ata o domingo ao remate do Oenach Atlántico. Desde o goberno local especificouse que a maiores da área localizada tralas naves do recinto feiral, tamén se poderá estacionar na zona máis próxima á estrada do Trece á altura do citado recinto e nunha parcela de maiores dimensións localizada a escasos metros e propiedade dun particular, que a cedeu para este fin. O edil de Seguridade Cidadá e Transporte Público agradeceu a colaboración veciñal para facilitar neste caso o estacionamento na zona e incidiu no feito de que “tódolos espazos reservados para os vehículos estarán sinalizados e ademais estarán pola zona axentes da Policía Local, e persoal do Speis e de Protección Civil para informar ás persoas que se acheguen ao evento esta fin de semana”. A programación do Oenach Atlántico de Sedes comezará a celebrarse o venres 27, a partir das 22.00 horas, co acendido do lume, unha tradicional cita coa que se iniciarán tres días de actividades tradicionais e música. Tamén o venres actuará a compañía de Pablo Méndez, que estreará o espectáculo Dolmen, inspirado no mundo celta, e a partir das 23.00 actuarán Dubidá Trío e ás 00.00 será o turno do gaiteiro Cristian Silva. Na xornada do sábado 28 a actividade comezará ás 11.00 horas, cunha gran variedade de propostas para o público familiar e infantil – Cuarteto Rinchón, Dubidá Trío, Raquel Queizás e Pablo Méndez- e con música na sesión vermú, ás 13.30 horas, a cargo de Lenda Ártabra. O público miúdo poderá desfrutar a partir das 17.00 horas con María Fumaça, que actuará neste evento que, despois dunha mañá e tarde de moitas propostas culturais, musicais e lúdicas, pechará ás 22.30 horas coa Noite do Castro, unha representación nas inmediacións do Castro de Eiravedra a cargo do Grupo de Teatro Comunitario de Sedes. Finalmente, o domingo o recinto reabrirá de novo ás 11.00 horas, cando se sucederán xogos, obradoiros e as propostas de animación do Cuarteto Rinchón. Tamén haberá teatro ás 12.00 e a partir das 17.00, a cargo da compañía de títeres Tanxarina, e o Grupo de Teatro Comunitario de Sedes actuará de novo ás 13.00 horas na campa do Trece. O grupo Mayalde clausurará o evento trala súa actuación, que comezará ás 19.00 horas. Entre as novidades deste ano está un certame co que se premiará aos gañadores cunha comida a base de produtos elaborados con porco celta na zona gastronómica do Oenach e que poderán degustar o sábado pola noite ou o domingo ao mediodía. Consiste en premiar a aquelas parellas ou grupos –de dúas a dez persoas- que acodan mellor caracterizados de época celto galaica a este evento, debendo anotarse na zona da campa o sábado 28 entre as 11.00 e ata as 17.00 horas, para anunciar aos gañadores tralo concerto de María Fumaça. As persoas interesadas en consultar o programa poden facelo a través do enlace: http://www.naron.es/web/docs/Oenach-Atlantico-programa.pdf.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal