Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O PLENO APROBA UN MODIFICADO DE CRÉDITO CON 3,6 MILLÓNS DE EUROS PARA INVESTIMENTOS
O Concello acolleu tamén unha sesión de carácter extraordiario e urxente para oficializar a renuncia á súa acta de concelleiro do portavoz municipal do BNG e edil de Xestión Orzamentaria e Promoción Económica, Pablo Villamar
Narón, 26 de xullo de 2018. O tripartito naronés –TEGA, PSOE e BNG- aprobou esta mañá, co respaldo do portavoz de EU, no pleno ordinario un modificado de crédito por importe de 5,09 millóns de euros, do que se destinarán a investimentos 3,6 millóns. Esta última contía, sumada aos 2,8 millóns que se reservaron no orzamento municipal deste ano para investimento, permitirán ao goberno local dispor dunha partida de case 6,5 millóns de euros para acometer intervencións tanto na zona urbana e na rural. A continuidade das obras para dotar da rede de saneamento á zona rural do municipio será prioritaria nestes investimentos, destinándose unha partida de 1,43 millóns de euros ás actuacións previstas nas parroquias de Sedes, Pedroso, San Mateo e O Val. Así mesmo, a tarefas de accesibilidade e humanización de barrios reservouse unha partida de 1,2 millóns de euros deste modificado, que permitirá reparar varios camiños no núcleo urbán e no rural e tamén acondicionar beirarrúas. A instalación de alumeado led para continuar coas tarefas de eficiencia enerxética destinaranse case 275.000 euros e á área de parques e xardíns uns 230.000. Na súa intervención, o edil de Xestión Orzamentaria, Pablo Villamar, subliñou o feito de que a débeda bancaria do Concello “quedará a cero” e tamén o feito de que 3,6 millóns de euros do modificado “se destinen aos catro eixos vertebradores: humanización e accesibilidade, saneamento rural, aforro enerxético e parques e xardíns”. Así mesmo, aprobáronse de xeito inicial o Regulamento de funcionamento dos servizos da Biblioteca pública municipal do Concello, o de funcionamento e réxime interior da Ludoteca municipal, a Ordenanza municipal sobre a Protección e tenza de animais de compañía e de animais potencialmente perigosos, a Reguladora da xestión de biomasa e das actividades forestais no termo municipal de Narón, a Reguladora da publicidade exterior no termo municipal de Narón (incluídas no Plan Normativo de 2018), e o Regulamento de Protocolo e distincións honoríficas do Concello. No apartado de mocións, na orde do día someteuse a aprobación unha presentada polo Grupo mixto (ENE) sobre as obras que executa a Deputación da Coruña na estrada do Trece, en Sedes. O documento non se aprobou e sobre o mesmo o portavoz de TEGA, Guillermo Sánchez Fojo, explicou que “a alcaldesa mantivo varias xuntanzas co presidente da Deputación sobre esta obra”. “Nós sempre estaremos ao lado das veciñas e veciños pero non podemos apoiar unha moción que califica un proxecto como ilegal. Imos apoiar á veciñanza dun xeito construtivo, pero non se pode estar enganando porque votar algo que di na moción que é ilegal xa é un despropósito”. A alcaldesa, Marián Ferreiro, insistiu en que desde o goberno local “reclamaremos á Deputación que escoite as necesidades das veciñas e dos veciños e o diálogo deste goberno terano sempre para que se escoiten as súas reclamacións”. Con carácter extraordinario presentáronse catro mocións, unha delas do PP sobre a convocatoria de subvencións deportivas, que se retirou porque están convocadas; outra do Grupo Mixto (ENE) en defensa da educación rural que se aprobou por unanimidade; unha terceira do Grupo Mixto (EU) en apoio ao pobo saharaui e ao programa “Vacacións en Paz”, e outra do PP que se rexeitou sobre melloras nos viais San Carlos, Rafael Dieste, Ferro Couselo e A Torre, na zona do Alto. Sánchez Fojo pediu que se retirase –non se aprobou a súa urxencia- para poder abordar o tema na pertinente Comisión, ao tratarse dunha zona incluída nunha área de reparto. Na mesma liña se manifestou a alcaldesa que explicou ademais que as melloras na rúa Rafael Dieste xa están incluídas nun proxecto incluído no modificado de crédito aprobado hoxe. Unha vez rematado o pleno ordinario, sobre as 12.00 horas celebrouse outro de carácter extraordinario e urxente no que se fixo efectiva a renuncia do portavoz municipal do BNG e concelleiro de Promoción Económica e Xestión Orzamentaria, Pablo Villamar, á súa acta de concelleiro por motivos persoais. O portavoz de EU, André Abeledo, agradeceu o traballo e compromiso de Pablo Villamar co Concello de Narón e o do PP, Marcos López, recoñeceu tamén o seu aprecio polo portavoz nacionalista, do que asegurou crer “que sempre buscache o mellor para os veciños de Narón” a pesares das diferentes posturas que en ocasións mantiveron ambas formacións, recoñeceu. A continuación, a portavoz do PSOE, Catalina García, valorou o traballo político de Villamar e a súa “lealdade con nós e con este grupo” e finalmente, o portavoz de TEGA, Guillermo Sánchez Fojo, recordou as dúas décadas de traballo co edil nacionalista en Narón. “Fixeches nos primeiros tempos unha oposición moi dura pero sempre leal, incluso nos momentos máis difíciles”, asegurou Sánchez Fojo, que aludía así ao entendemento entre TEGA e o BNG na oposición e tamén desde o goberno local. “En nome de Terra Galega quero darche as grazas de corazón, en nome de todas e todos nós e tamén do anterior alcalde, José Manuel Blanco, pola túa lealdade e amizade”. A alcaldesa, Marián Ferreiro amosou a súa “gratitude infinita e respecto polo teu traballo eficaz, responsable e comprometido co Concello e coas veciñas e veciños”. “Grazas pola túa lealdade, para min eres extraordinario e só che desexo o mellor”, e agradeceu tamén a Villamar “de todo corazón compartir os meus inicios na política”. Tras desexarlle sorte nesta próxima etapa os portavoces dos citados grupos, Villamar despediuse asegurando que nestes anos na política “cometín erros, tiven acertos, paseino ben e tamén houbo momentos difíciles pero que fomos capaces de solucionar e tirar para adiante”. Villamar agradeceu a confianza depositada polo BNG na súa persoa; e tamén a colaboración tanto dos grupos políticos da corporación local como do persoal funcionario do Concello de Narón. Finalmente, o nacionalista subliñou que “Narón ten dúas cousas importantes para min: a pesar das diferencias fomos capaces de chegar a acordos, o que fai que Narón progrese; e os funcionarios e funcionarias veñen a traballar contentos para as veciñas e veciños de Narón”.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal