Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O GOBERNO LOCAL APROBOU NO PLENO UN MODIFICADO DE CRÉDITO POR IMPORTE DE 2,7 MILLÓNS DE EUROS
Na sesión plenaria saíu tamén adiante unha rebaixa do IBI rústico, ao que se lle aplicará o vindeiro ano o mesmo coeficiente da zona urbana, o 0,62
Narón, 25 de outubro de 2018. O goberno local de Narón deu luz verde esta tarde, no pleno ordinario de finais de mes, a un modificado de crédito por importe de 2.776.000 euros. Con cargo a esta cantidade acometeranse na cidade importantes investimentos nas zonas urbana e rural, tal e como figura na relación de obras aprobadas con cargo a esta contía e que sairon adiante cos votos favorables do tripartito naronés (TEGA, PSOE e BNG). Entre as actuacións que suporán un maior investimento e a executar en base a este modificado de crédito están a reparación de varios viais e melloras de accesibilidade, ás que se destinarán algo máis de 700.000 euros. En canto á accesibilidade realizaranse obras nas rúas da Paz e Mugardos e no pavillón das Lagoas. No referente aos viais, reforzarase o firme dos camiños de Seara, A Mata, Río Bello e outros da zona rural; repararase o asfalto nos de Sabín, Mosteiro, As Agras… e actuarase de urxencia nos viais da Grexa-Feira, Polaimo e Fraguiña, entre outros. A materialización do proxecto para ampliar as zonas verdes de Narón acada tamén un novo impulso con cargo ao modificado, no que se contemplan uns 260.000 euros para proceder á expropiación de terreos para o parque fluvial de Narón, entre a avenida Miguel de Cervantes e a empresa Megasa. Súmanse actuacións como o acondicionamento de zonas verdes na rúa Mestre Mateo e na rotonda de Megasa –en total uns 97.000 euros- e o subministro de elementos de xogo, bancos e xardineiras para parques da zona urbana e rural –uns 100.000 euros-. En canto ás instalacións municipais, tamén forman parte dos proxectos que se porán en marcha a ampliación do local social de San Mateo -88.317- e da nave de servizos -47.743- , a ampliación do patio cuberto do colexio do Val -26.500- ou a compra de material para a nave Irmás Froilaz -54.554-. Contémplase tamén no modificado a reserva dunha partida de 508.556 euros para cubrir a aportación a realizar ao Concello de Ferrol dos gastos derivados da explotación do servizo de depuración de augas residuais. O Concello de Narón aboará a cantidade do custe deste servizo –a parte que lle corresponde- cando se comunique oficialmente o custe real do mesmo, avalado por persoal funcionario do municipio veciño, ao que se lle requeriu esa documentación o pasado mes de xuño co fin de facer efectivo o pago, tal e como subliñou a alcaldesa. A adquisición de dous vehículos para a Policía Local, un para a sección de Atestados -66.000 euros- e outro para a Unidade de Obras e Medio Ambiente -20.000-; ou a aportación ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para abonar unha parte dos gastos do funcionamento da escola infantil de Xuvia -53.000 euros- recóllense tamén neste modificado de crédito. O concelleiro de Xestión Orzamentaria, Xosé Gómez, desglosou parte dos investimentos a realizar con cargo a este modificado, defendendo, ao igual que fixo a alcaldesa, Marián Ferreiro, o traballo de xestión que realiza o goberno local e as obras proxectadas con cargo ao mesmo, dirixidas a mellorar infraestruturas e servizos municipais. Na sesión plenaria aprobouse definitivamente a ordenanza reguladora da Xestión de biomasa e das actividades forestais no termo municipal e de xeito provisional unha nova ordenanza, reguladora da taxa pola prestación do servizo de acompañamento a transportes especiais pola Policía Local. Tamén se deu o visto bo á modificación doutras xa en vigor, entre as que destaca o feito de que se baixará o IBI rústico –cos votos favorables de todos os grupos da corporación, excepto dos cinco edís do PP-. Ao IBI rústico, en base a este cambio, aplicaráselle o vindeiro ano o coeficiente do 0,62, tal e como explicou Gómez Fandiño. O pleno aprobou os estatutos da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, o Plan Normativo de 2019 e os festivos locais do vindeiro ano, que serán o 5 de marzo, Martes de Entroido, e o 24 de xuño, San Xoán. No apartado de mocións presentáronse na orde do día unha do BNG en apoio ás persoas denunciadas por reclamar a devolución do Pazo de Meiras, que saíu adiante. Fóra da orde do día aprobouse por unanimidade unha moción presentada tamén polo BNG en apoio aos traballadores e traballadoras de Alcoa, demandando unha solución ao peche anunciado pola empresa e tamén saiu adiante outra do Grupo Mixto (EU) para amosar o rexeitamento á decisión do Tribunal Supremo de deixar sen efecto a sentencia sobre o imposto das hipotecas e para impulsar a creación dunha banca pública.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal