Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
ANDRÉS GABARRES CAGIAO, GAÑADOR DO PRIMEIRO PREMIO DO X CONCURSO DE PINTURA CIDADE DE NARÓN
A alcaldesa, Marián Ferreiro, entregou os premios deste certame xunto coa concelleira de Cultura, María del Carmen Espada, a viúva de Francisco Criado, Emilia Paredes, e a presidenta da AVV San Xiao, María Luisa Filgueiras
Narón, 23 de novembro de 2018. A programación de actos do Día de Narón, festivo local que se conmemora hoxe na cidade, incluíu este mediodía a entrega dos premios do X Concurso de Pintura Cidade de Narón. A alcaldesa, Marián Ferreiro, foi a encargada de entregarlle o premio ao gañador do certame, o ferrolán Andrés Gabarres Cagiao, residente en Madrid na actualidade, nun acto ao que tamén asistiron, entre outros, a concelleira de Cultura, María del Carmen Espada; edís da corporación local; a viúva de Francisco Criado, Emilia Paredes; a presidenta da AVV San Xiao, María Luisa Filgueiras; participantes no certame cos seus familiares e integrantes do xurado. Este ano presentáronse ao certame un total de 102 obras, 58 das categorías Infantil e Xuvenil e as 44 restantes de Adultos. Os das primeiras modalidades recibiron un detalle pola súa participación –unha caixa de madeira con pinturas e pinceis- e un diploma, se ben os adultos tamén levaron diploma e optaron a catro premios en metálico que sumaban, en conxunto, 2.850 euros. Graduado en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid, Andrés Gabarres conta cunha ampla formación artística. A súa obra estivo en varias exposicións colectivas en cidades galegas e doutras comunidades españolas e nunha individual na Coruña. A súa profesionalidade fíxoo merecedor dunha trintena de premios concedidos en certames do país e tamén becas relacionadas coa arte pictórica. A estes premios súmase desde hoxe o do X Concurso de Pintura Cidade de Narón, pola súa obra “Donde habita el olvido”, dotado con 1.500 euros e que recolleu hoxe no Pazo de mans da alcaldesa da cidade. O segundo premio foi para o sevillano Manuel Reina Infantes, coa súa obra “La niña de la Medina” e dotado con 750 euros –non puido acudir a recollelo persoalmente- e o terceiro para a coruñesa Lara Díaz Pintos, por “La Base 7”, dotado con 400 euros e que tamén recolleu este mediodía no Pazo. O Premio Especial Francisco Criado recaeu nunha veciña de Narón, María del Carmen Sendón López, que recibiu 200 euros pola súa obra “Alecrín, alecrín”. O xurado desta edición estivo integrado polo pintor e escultor asentado en Narón Manuel Patinha e polos artistas plásticos Eduardo Hermida e Ladislau da Regueira, aos que Marián Ferreiro agradeceu a súa colaboración neste certame. A alcaldesa felicitou a todos os premiados e recordou os inicios deste concurso, hai xa dez anos, na AVV San Xiao. Agradeceu especialmente a presencia un ano máis no acto da viúva de Francisco Criado e tamén da presidenta da AVV de San Xiao e da concelleira de Cultura polo seu labor. Na súa intervención destacou tamén a calidade dos traballos presentados tanto nas categorías Infantil e Xuvenil como na de Adultos e animou ás persoas que participaron a presentarse á vindeira edición, a excepción do gañador que, tal e como se especifica nas bases, terá que esperar dous anos para volver a optar aos premios deste certame.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal