Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O AUDITORIO MUNICIPAL ACOLLERÁ A FESTA APEGO ORGANIZADA POLO CONCELLO
A concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, anunciou a programación, con teatro, música e xogos para os nenos e nenas
Narón, 28 de novembro de 2018. A Festa Apego organizada polo Concello de Narón, a través do Servizo de Normalización Lingüística celebrarase o vindeiro sábado, día 1, no Auditorio municipal, na praza de Galicia, a partir das 11.00 horas. Así o anunciou a concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, que animou as familias con nenos e nenas a gozar da programación que se desenvolverá tanto pola mañá como pola tarde. Os convites para poder asistir aos diferentes espectáculos poderán recollerse dez minutos antes do inicio de cada sesión no propio Auditorio, tal e como indicou a edil naronesa, que explicou que se trata de propostas recomendadas para nenas e nenos de 0 a 6 anos. A programación da xornada inclúe espectáculos durante a mañá e tamén pola tarde, dando comezo ás 11.30 horas co primeiro pase da obra teatral Nube, nube, sol, da compañía Teatro ao Cubo. Durante case unha hora os nenos e nenas, así como os adultos que os acompañen, gozarán dunha proposta cargada de cancións e baile na que aprender o que a choiva e o sol provocan na contorna, os ciclos da natureza e, en definitiva, a importancia da choiva para que todo medre. Este espectáculo terá un segundo pase a partir das 13.00 horas. Tamén en horario de mañá, a partir das 12.30 horas terá lugar o espectáculo Bichocas, de Atenea García, que é toda unha viaxe polo mundo animal na que os obxectos e a palabra cobrarán especial protagonismo. Este espectáculo repetirase novamente pola tarde, a partir das 17.00 horas, para pechar a programación cunha proposta de Babaluba Teatro, Minia convídate a xogar. Esta última dará comezo ás 18.00 horas e está protagonizada por Minia, unha rapaza que agarda que seus pais rematen de traballar aproveitando o tempo xogando con caixas de cartón que vai transformando coa súa imaxinación para vivir unha serie de aventuras. Durante todo o día, de 11.00 a 14.00 e desde as 17.00 ata as 19.00 horas no vestíbulo do Auditorio municipal haberá un espazo de xogos delimitado para que os nenos e nenas poidan gozar tamén doutras propostas desta Festa Apego. Xogos tradicionais ou ecolóxicos son algunhas das opcións que terán os menores para divertirse na mañá e tarde do sábado na cidade. “A organización desta Festa Apego contribuirá desde o Concello de Narón a impulsar os obxectivos deste programa, a socialización da infancia en galego, apostando por difundir a nosa lingua entre os nenos e nenas desde o berce e tamén a nosa cultura”, subliñou Taibo.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal