Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
PRETO DE 300 ALUMNOS E ALUMNAS DE SEIS CENTROS EDUCATIVOS DA CIDADE ASISTEN ÁS CHARLAS DE EDUCACIÓN VIARIA
O alumnado de seis centros educativos da cidade, de segundo e cuarto curso de Secundaria, acude a estas sesións impulsadas a través do equipo de Educación Viaria do Concello de Narón
Narón, 15 de xaneiro de 2019. Alumnado de segundo e cuarto curso de educación Secundaria de Narón participa nas charlas “A importancia dun segundo”, promovidas polo equipo de Educación Viaria do Concello de Narón, que imparte as sesións xunto con voluntario, Tino Seoane. As charlas impártense en horario de mañá nos institutos das Telleiras e Terra de Trasancos e tamén nos colexios Ayala, O Feal, Jorge Juan e Santiago Apóstol e acudirán, en seis xornadas, un total de 270 alumnos e alumnas dos citados cetros educativos. Esta iniciativa impúlsase a través da Concellería de Seguridade Cidadá, que preside o edil Guillermo Sánchez Fojo, que destacou o éxito que están acadando. “Están tendo unha excelente acollida entre o alumnado, que interactúa en todo momento co persoal do equipo de Educación Viaria e tamén co voluntario que os acompaña, ao que quero agradecer especialmente a súa colaboración nesta iniciativa, de gran importancia á hora de concienciar aos rapaces e rapazas”. Os axentes da Policía Local Pedro Caneiro e Sonia López, do equipo de Educación Viaria do Concello, son os encargados de coordinar estas charlas. Ao inicio das mesmas amósase un documento no que se incide na importancia de que os menores aprendan a dicir que non ante determinadas circunstancias, aportando unha serie de técnicas que, tal e como indicaron Caneiro e López, son válidas tanto para campañas de educación viaria como outras, por exemplo, relativas á violencia de xénero. O perigo que representa o consumo de substancias como o alcol ou as drogas ou a necesidade de decidir libremente, sen deixarse influenciar por outras persoas forman parte das temáticas abordadas. “Aportamos unha serie de fórmulas que se deben aplicar na vida real”, aseguran. A continuación proxéctanse uns vídeos nos que se amosan campañas de gran impacto realizadas a través da Dirección Xeral de Tráfico e outras nas que se poden ver as consecuencias persoais e familiares dalgúns sinistros graves. As sesións teñen tamén un tempo reservado para un espazo no que colabora un voluntario, Tino Seoane, que conta aos rapaces e rapazas a súa experiencia persoal. Con 31 anos este veciño de Narón, que hoxe ten 55 anos, tivo un accidente de tráfico no que sufriu unha lesión medular. Non levaba posto o cinturón de seguridade e a causa do sinistro está desde entón en cadeira de rodas. “O meu accidente tivo unha repercusión moi importante no meu ámbito familiar, social e persoal”, explica Seoane, que, asegura, “desde a miña experiencia trato de que non cometan imprudencias, que saiban que non deben conducir baixo os efectos do alcol, ou sen cinturón de seguridade…”. Os rapaces e rapazas participan tamén nunha parte práctica, na que xunto con Pedro Caneiro e Sonia López simulan, utilizando unhas gafas especiais, a condución baixo os efectos do alcol por un circuíto improvisado no propio centro para a ocasión”. As sesións impartíronse xa nos institutos das Telleiras e Terra de Trasancos e no colexio Ayala, se ben están pendientes as programadas mañá no colexio do Feal; o venres día 18 na Jorge Juan e o luns 21 deste mes no Santiago Apóstol. Finalmente, nunha data aínda por concretar, programaranse unha serie de prácticas nun vehículo dunha autoescola nas que conducirán os escolares coas gafas que simulan a distorsión da visión tralo consumo de alcol. “Desde o Concello de Narón avanzamos moito nos últimos anos en materia de educación viaria, a diferentes niveis, e nesa mesma liña continuaremos traballando para tratar de aumentar a formación e concienciación cidadá nesta área e tamén noutras como a importancia da erradicación de lacras sociais como a violencia de xénero”, subliñou Sánchez Fojo.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal