Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
ALUMNADO DO COLEXIO DE PIÑEIROS REUNIUSE COA ALCALDESA NO SALÓN DE PLENOS E VISIONOU O VÍDEO EDUCATIVO
O vídeo proxectado ten entre os seus obxectivos dar a coñecer a historia da cidade e o funcionamento da administración local, tal e como explicou a alcaldesa, Marián Ferreiro
Narón, 2 de abril de 2019. Unha vintena de escolares de sexto curso de educación Primaria do colexio de Piñeiros visitaron esta mañá o Concello de Narón. A alcaldesa, Marián Ferreiro, recibiunos no salón de plenos e respostou ás preguntas que lle formularon, maioritariamente relacionadas co día a día á fronte da administración local, proxectos para a cidade e conciliación da vida laboral e familiar. Ferreiro agradeceu a visita aos rapaces e rapazas, que recibiron tamén un agasallo en recordo do seu paso polo Consistorio. Na convocatoria desta mañá os nenos e nenas tiveron a oportunidade de ver Coñece Narón, un vídeo educativo para explicar o Concello dun xeito lúdico. Este recurso educativo ten entre os seus obxectivos, tal e como indicou Ferreiro, "conseguir que o alumnado de sexto curso de Primaria se interese pola historia da cidade e o funcionamento da administración local". O vídeo relata a través dunha pequena historia a identidade de Narón como concello de terra e mar, describíndose tamén no mesmo a simboloxía do municipio. Ao final preséntase a vida política municipal e o seu funcionamento e tamén se fai un pequeno percorrido pola vida de persoas que traballan no Concello (políticos e técnicos). "A partir de hoxe, a través do programa municipal de Recursos Educativos de Apoio á Escola, concretamente no marco das visitas escolares ao edificio do Concello, contamos con este novo vídeo, adaptado ás idades do alumnado de sexto curso de Primaria e que reforza o traballo pedagóxico que desde hai anos realiza o Concello coa comunidade educativa da cidade", destacou a alcaldesa.

<<< Agosto 2022 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
www.naron.es