Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O PADROADO DA CULTURA E A ASOCIACIÓN DE VECIÑOS "OS IRMANDIÑOS" INICIARÁN ESTE VENRES OS ACTOS DA RECREACIÓN DAS LENDAS DA PENA MOLEXA
Unha Andaina solsticial, una ruta cicloturista e outra xeolóxica marcarán esta fin de semana a apertura dun programa que culminará o 22 de xuño coa Recreación da Lenda da Fada da Pena Molexa
Narón, 12 de xuño de 2019. A programación da Recreación das Lendas da Pena Molexa iniciarase este venres, día 14, coa tradicional Andaina solsticial, entre o convento de Baltar e a Pena Molexa que dará comezo ás 22.30 horas e na que os camiñantes realizarán un percorrido de destacado valor cultural e etnográfico portando fachos para alumear o camiño. A alcaldesa en funcións da cidade, Marián Ferreiro, e as edís en funcións de Cultura e Turismo, María del Carmen Espada e Natalia Hermida, respectivamente, presentaron os actos da programación acompañadas por Margarida Leirachá e Manuel López, secretaria e vogal, respectivamente, da Asociación de Veciños “Os Irmandiños”, do Val, que colabora co Padroado da Cultura na organización deste evento, que alcanza este ano a súa vixésimo segunda edición. As actividades continuarán o sábado, día 15, cunha Ruta cicloturista que partirá ás 11.00 horas do Centro Cívico Social do Val. O equipo de Educación Viaria do Concello colaborará novamente con esta cita, á que poderán asistir todas as persoas que o desexen e na que terán a oportunidade de coñecer máis polo miúdo o patrimonio da parroquia do Val. A Ruta cicloturista discorrerá por zonas de castros, casas medievais e construcións eclesiásticas, como son no caso desta parroquia a igrexa de Santa Margarita ou o convento de Baltar. O domingo 16 de xuño haberá unha nova ruta, neste caso xeolóxica, no entorno da Pena Molexa e dos montes do Val. Esta ruta estará guiada por Fran Canosa, director en Xeoloxía, que abordará temas como as orixes da Pena Molexa. As persoas interesadas en asistir deben anotarse no correo electrónico: av.osirmandinos@gmail.com ou chamando ao número de teléfono 722 271 075. A saída, tal e como se indicou, será ás 9.30 horas das inmediacións do Centro Cívico Social do Val. O castro de Vilasuso acollerá o acto central desta convocatoria, o sábado día 22, coa Recreación da Lenda da Fada da Pena Molexa. A partir das 18.00 horas comezará unha sesión de xogos populares e deporte rural e ás 20.00 horas haberá unha churrascada popular que dará paso, ás 22.00 horas, a unha verbena tradicional galega amenizada polos grupos Pesdelá e A Banda das Crechas e que presentará Isa Risco. A recreación da Lenda da Fada da Pena Molexa será ás 00.00 horas, cando veciñas e veciños do Val representarán a historia dunha moura que pola noite se convertiu en rocha coincidindo co solsticio de verán. Finalmente, ás 00.30 horas haberá unha lumeirada popular, que ao igual que en anteriores edicións pechará este evento festivo. Marián Ferreiro agradeceu o traballo que cada ano realizan as veciñas e veciños do Val “para manter viva esta festividade, unha das máis significativas, pola súa tradición e historia, na nosa cidade”. A alcaldesa en funcións, a quen agradeceron a colaboración do Concello os representantes da entidade veciñal Os Irmandiños, convidou á veciñanza a participar neste completo programa de actos deseñado para celebrar esta nova edición da Recreación das Lendas da Pena Molexa “para coñecer o patrimonio da parroquia do Val e tamén unha parte moi significativa da súa historia”.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal