Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O PAZO DA CULTURA ACOLLERÁ MAÑÁ O "XXIX FESTIVAL INTERNACIONAL DE FOLCLORE"
Os grupos que participarán no evento actuarán pola mañá, a partir das 12.00 horas, en tres prazas da cidade
Narón, 19 de xullo de 2019. O Pazo da Cultura acollerá mañá o “XXIX Festival Internacional de Folclore”, unha cita musical organizada a través do Padroado da Cultura e na que participarán formacións locais –a Banda de Gaitas do Padroado da Cultura e o Grupo de Baile Tradicional Alxibeira, tamén do Padroado- e agrupacións procedentes de Italia –Ri Ualanegli-, Perú – Soy de Perú-, Eslovaquia –Kincso- e Uruguay –Ballet Folclórico Aborigen-. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, presidiu esta mañá no Concello unha recepción oficial aos participantes neste evento, acompañada polo concelleiro de Cultura, Guillermo Sánchez Fojo, e por outros representantes da corporación local. A cita musical dará comezo ás 21.00 horas e as persoas que desexen asistir poden adquirir as entradas na billeteira do Pazo mañá a partir das 18.00 horas. As persoas que desexen ver ás diferentes agrupacións musicais que participarán no festival nocturno do Pazo terán a oportunidade de velas tamén mañá pola mañá en tres prazas da cidade. A partir das 12.00 horas daranse cita na Praza da Constitución, na Solaina, a Banda de Gaitas do Padroado da Cultura de Narón e o Ballet Folclórico Aborigen, de Uruguay. Así mesmo, tamén a esa hora estarán na Praza da Gándara o conxunto folclórico Kincso, de Eslovaquia, e á compañía artística Soy del Perú, de Perú, e na Praza do colexio de Xuvia o grupo de Baile tradicional Alxibeira, do Padroado da Cultura e os integrantes da asociación Ri Ualanegli, de Italia. A Escola de Gaitas do Padroado da Cultura constituíuse no ano 1982 co obxectivo de salvagardar e contribuír á difusión da música tradicional galega. Dende cinco anos máis tarde, no 1987, actúa cada ano en numerosos concellos galegos e tamén doutras comunidades españolas e en países como Portugal. Está integrada por 45 persoas de diferentes idades e as gaitas coas que tocan construíronse no prestixioso obradoiro de gaitas Seivane. A Banda de Gaitas de Narón é unha das máis antigas da comarca e conta cun amplo repertorio de corte tradicional e tamén de pezas de novos autores. Tamén se creou a través do Padroado da Cultura de Narón o Grupo de música e danza tradicional Alxibeira, creado en 1986 e integrado por mozas e mozos de entre 15 e 30 anos que apostan pola recuperación da música e danza tradicionais, ao tempo que se revaloriza o folclore e as costumes e tradicións de Galicia. Os traxes dos integrantes de Alxibeira reconstruíronse seguindo os patróns e tecidos de traxes antigos e incluso conservan algúns cedidos por particulares. En canto ao Ballet folclórico Aborigen, de Uruguay, creouse no ano 2017 e ten entre os seus obxectivos manter vivas as tradicións folclóricas que os distinguen doutros grupos. Contan cunha dilatada experiencia dende a súa creación, mantendo a súa paixón polo folclore e as tradicións culturais e mesmo o ano pasado participaron na Cerimonia final do Mundial Feminino sub 17, FIFA 2018, no estadio de Charrúa, en Uruguay. A corporación artística Soy del Perú, fundada no ano 2016, tamén presente no Festival Internacional de Folclore de Narón, está formada pola compañía folclórica Soy del Perú e unha asociación cultural, Kunan Pacha Perú, que procuran a difusión cultural e o mantemento das tradicións e o folclore nacional e internacional dende os ámbitos educativo e formativo. Soy del Perú está integrada por trinta artistas –músicos e bailaríns- cunha gran experiencia e recoñecemento. De Eslovaquia chega o conxunto folclórico Kincso, un dos mellores do seu país, que está formado por trinta persoas: un conxunto de baile de 25 homes e mulleres e cinco músicos, todos eles de entre 14 e 28 anos. A formación conta cun amplo repertorio resultado da recompilación e conservación do folclore dos costumes populares, as cancións e os bailes e o seu repertorio puido escoitarse en varios países de Europa e Asia. A asociación Ri Ualanegli, creada en 2010, parte –a modo de evolución natural- do Grupo de Teatro Popular Ri Ualanegli, que mantivo vivas as tradicións que exportou por todo o mundo. O espectáculo desta formación céntrase na representación de momentos de vida do pasado que narran dous mozos do país, Rocco e María Vittoria, que contan ao público as etapas fundamentais da súa vida vestidos con traxes tradicionais do seu país. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, deu a benvida aos representantes de tódalas formacións e desexoulles unha boa estancia na cidade, animándoos a coñecela e tamén outros concellos da comarca, donde actuarán nos vindeiros días. “Coa vosa presencia aquí reforzades este Festival Internacional de Folclore impulsado a través do Padroado da Cultura e que está a piques de cumprir trinta anos”, destacou Ferreiro, que incidiu no feito de que a través deste evento “o Concello leva case tres décadas difundindo, grazas a diferentes formacións, tanto locais como internacionais, a música e as culturas tradicionais a nivel internacional, un dos obxectivos deste evento ao que animo a asistir á cidadanía para desfrutar do gran traballo de tódolos participantes”.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal