Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
ÉXITO DE PÚBLICO NA VIXÉSIMO PRIMEIRA EDICIÓN DO "OENACH ATLÁNTICO" QUE SE CELEBROU ESTA FIN DE SEMANA EN SEDES
O Padroado da Cultura de Narón e a Asociación de Veciños Rosa dos Ventos, de Sedes, organizaron un ano máis este evento festivo
Narón, 28 de xullo de 2019. A vixésimo primeira edición do “Oenach Atlántico” de Sedes rematará a última hora desta tarde na campa do Trece, na citada parroquia naronesa. A cita foi un ano máis todo un éxito, reunindo dende o pasado venres ata hoxe a numerosas persoas que desfrutaron coa ampla programación deseñada dende o Padroado da Cultura de Narón e a Asociación de Veciños Rosa dos Ventos, de Sedes. A maiores de veciños e veciñas da cidade acudiron tamén persoas procedentes doutros concellos –entre eles Ferrol, dende donde integrantes da AVV Val de Esmelle colaboraron nesta edición- e tamén representantes de asociacións que organizan co Concello de Lugo o “Arde Lucus”, evento co que a pasada semana se irmandaba o “Oenach Atlántico”. A tradicional cerimonia do acendido do lume na noite do pasado venres, día 26, marcou o inicio desta nova edición do “Oenach Atlántico”, declarado Festa de Interese Turístico de Galicia dende o ano 2014. Esa mesma noite numeroso público desfrutou do concerto que ofreceu nas inmediacións da campa o grupo de música tradicional galega “Leilía”. A recreación de oficios tradicionais cobrou especial protagonismo nesta edición do evento, coas recreacións que tanto onte como hoxe se pudideron ver de oficios como o tecido da lá, olería, canteiría, cestería e talla de madeira. Así mesmo, na zona da campa desenvolvéronse varios obradoiros dirixidos a nenas e nenos, que tiveron a oportunidade de aprender a perforar pezas de cerámica e madeira –podendo levalas ás súas casas unha vez rematadas-, técnicas de acendido do lume, petroglifos… Iniciativas e actividades, todas elas, encamiñadas a dar a coñecer e poñer en valor a cultura celto galaica e o traballo realizado polas mulleres e homes da época castrexa. Tamén no marco destes obxectivos, veciñas e veciños da parroquia de Sedes cociñaron bolas de sartén e liscos que puideron degustar de balde as persoas que acudiron ao “Oenach Atlántico”, donde tamén se habilitou un posto de venda de comida a base de porco celta e en donde se cociñaron tamén –na zona da campa- porcos ao espeto. O tradicional mercadiño de artesanía, no que se podían adquirir numerosos productos, foi outro dos atractivos deste “Oenach Atlántico”, abrindo tanto onte como hoxe de 11.00 a 14.00 e polas tardes de 16.00 a 19.00 horas. A animación deste evento correu a cargo do Cuarteto Rinchón, Rilo&Penadique, o grupo folk Tiruleque e un concerto de Mamá Cabra, na xornada do sábado. Chegada a noite tivo lugar a representación da obra “Buscando a Fara”, a cargo da Grande Compañía de Teatro Comunitario de Sedes e a segunda xornada do “Oenach Atlántico” rematou cunha mexilloada e unha repichoca popular na campa. Na xornada de hoxe houbo unha nova representación teatral ao mediodía a cargo das veciñas e veciños de Sedes: “A conquista de Gallaecia”. Pola tarde sucederanse as actuacións do Cuarteto Rinchón –a última a partir das 16.30 horas- e tamén actuarán a Banda de Gaitas do Padroado da Cultura de Narón -17.00-, e o grupo de danza tradicional Alxibeira, do Padroado da Cultura de Narón -18.00- e pecharán o programa o espectáculo infantil “A danza da choiva”, da compañía Elefante Elegante, e a actuación de Pelepau –a partir das 19.00-. As sesións de xogos populares continuarán tamén a partir das 16.30 horas e ata o remate desta vixésimo primeira edición do “Oenach Atlántico” de Sedes.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal