Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO CONMEMORARÁ O DÍA MUNDIAL DO CORAZÓN CELEBRANDO A QUINTA EDICIÓN DE "MULLERES EN VERMELLO"
O concelleiro de Sanidade, Santiago Galego, presentou a cita con Conrado Vilela, presidente de Amicor, e Carlos Piñeiro, médico e integrante da citada entidade
Narón, 24 de setembro de 2019. O concelleiro de Sanidade, Santiago Galego, o presidente da Asociación de Amigos do Corazón (Amicor), Conrado Vilela, e o médico Carlos Piñeiro, integrante tamén de Amicor, presentaron esta mañá no Concello unha nova edición de “Mulleres en vermello”. A cita, coa que dende o Consistorio naronés se conmemorará o Día Mundial do Corazón –que se celebra cada 29 de setembro-, terá lugar este venres, día 27, a partir das 19.00 horas no Auditorio municipal, na Praza de Galicia. Esta quinta edición de “Mulleres en Vermello” levarase a cabo baixo o lema “O meu corazón, o teu corazón”. Galego explicou que se aposta polo feito de que a través deste evento se contribúa a “sensibilizar e previr as enfermidades cardiovasculares, prestando especial atención ao caso das mulleres”. O programa, tal e como avanzou Vilela, consistirá nunha conferencia da cardióloga do CHUF Raquel Marzoa para dar paso, a continuación, a dúas actuacións musicais, unha de Andrés Balado, concursante de La Voz en A3 e outra a cargo da Rondalla Añoranzas. O médico Carlos Piñeiro indicou que a iniciativa se enmarca “nunha campaña de sensibilización a nivel mundial vencellada á posibilidade de que con pequenos xestos se pode cambiar a situación cardiovascular tanto da persoa como da súa familia e outras persoas do seu entorno”. Piñeiro destacou que tamén se participa a través de “Mulleres en vermello” no programa internacional da Federación Mundial do Corazón, “co que todos os anos participamos como colaboradores deste organismo”. Esta edición homenaxeará ás mulleres que participan nas como docentes nos foros das cardioescolas, tal e como indicou Piñeiro. Dende a organización animouse ás persoas que acudan ao acto a levar algunha prenda de vestir en vermello a modo de homenaxe aos participantes. Aqueles que desexen asistir deberán entregar na entrada do Auditorio, como mínimo, un quilo de alimentos non perecedoiros, roupa ou calzado, que se entregarán ao Centro de Recursos Solidarios de Narón. Finalmente, o concelleiro de Sanidade agradeceu aos representantes de Amicor a súa colaboración na organización deste evento e recoñeceu o traballo que realiza ao longo do ano con diversas actividades. Galego animou ás veciñas e veciños a acudir o venres ao evento para gozar do programa deseñado para a ocasión e tamén, na medida do posible, realizar unha contribución para o Centro de Recursos Solidarios de Narón.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal