Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A PARROQUIA DO VAL CELEBRARÁ O VINDEIRO DÍA 16 O MAGOSTO NO PAVILLÓN POLIDEPORTIVO
O Padroado da Cultura de Narón colabora coa Asociación de Veciños "Os Irmandiños" do Val na organización do evento, tal e como recordou o concelleiro de Cultura, Guillermo Sánchez Fojo
Narón, 8 de novembro de 2019. O Padroado da Cultura de Narón colabora coa Asociación de Veciños “Os Irmandiños”, do Val, na organización do tradicional Magosto da parroquia. O concelleiro de Cultura, Guillermo Sánchez Fojo, e Patricia Pantín e Patricia Galdo, tesoureira e vocal, respectivamente, da citada entidade veciñal, deron a coñecer esta mañá a programación deseñada para esta celebración, que terá lugar no pavillón polideportivo da parroquia. Os actos comezarán a desenvolverse ás 17.00 horas, cun obradoiro de xogos tradicionais e populares dirixido ao público familiar. A música centrará boa parte da programación, cunha actuación da Banda de Gaitas do Padroado da Cultura a partir das 20.00 horas para, sobre as 20.30, comezar a degustar as castañas que se asarán para a ocasión. Neste Magosto prepararanse uns trescentos quilos de castañas, que se servirán de balde e que se poderán acompañar de liscos e chourizos. O leite e os refrescos venderanse a prezos simbólicos e o diñeiro doarase ao Centro de Recursos Solidarios de Narón, tal e como indicaron dende a entidade veciñal do Val, que agradeceu o respaldo do Concello de Narón. A festa continuará coa actuación do Grupo de gaitas do Val ás 21.30 horas e ás 21.45 será o turno do Grupo de baile de adultos do Padroado da Cultura de Narón, que dará paso, para rematar a programación, a unha repichoca popular. Dende a AVV “Os Irmandiños” do Val recordaron que tamén durante toda a tarde se recollerán na pista polideportiva –nunha zona habilitada para este fin- alimentos que se doarán ao Centro de Recursos Solidarios de Narón. O colectivo solicitou que preferentemente, debido á demanda, se entreguen leite, galletas, aceite ou legumes en conserva. O concelleiro de Cultura valorou “o esforzo que realiza esta asociación de veciños para organizar, entre outros, este evento propio do outono e que se programa en colaboración co Padroado da Cultura pero para cuxa continuidade é imprescindible o traballo que realizan as veciñas e veciños da parroquia”. Sánchez Fojo recordou que o Magosto do Val reúne cada ano a centos de persoas e animou á veciñanza a participar nesta festa, gozando da programación deseñada para a mesma.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal