Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO COLABORA NA PUBLICACIÓN DA OBRA "ÁLVARO PARADELA, MÉDICO E ESCRITOR EN NARÓN"
A concelleira de Bibliotecas, Mercedes Taibo, avanzou que os 150 exemplares do Concello se entregarán na Biblioteca, centros de ensino e entidades e avanzou que o libro se presentará oficialmente o día 19 deste mes na cidade
Narón, 12 de decembro de 2019. O Concello colabora na publicación do libro “Álvaro Paradela, médico e escritor en Narón”, coincidindo co corenta aniversario do seu pasamento, xa que faleceu vítima dun atropelo o 13 de decembro de 1979. A publicación é obra de Manuela Santalla, doutora en Historia, e Juan Carlos Rico, informático, autores dos textos e ilustracións, se ben nestas últimas tamén colaboraron o pintor e gravador X. Braxe, e un mozo e unha moza de Narón, Mario e Rosalía Santalla. En total o Concello adquiriu 150 exemplares que se entregarán na Biblioteca municipal do Alto, nas Axencias de Lectura municipais, nas bibliotecas escolares e tamén ás asociacións veciñais e outras entidades da cidade, tal e como indicou a concelleira de Bibliotecas, Mercedes Taibo. O prólogo da obra é da alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, que destaca o valor da mesma en canto á oportunidade que ofrece para “coñecer máis en profundidade a vida e parte da obra de Álvaro Paradela Criado, coruñés de nacemento e naronés de adopción e que exerceu a súa profesión de médico na parroquia de Freixeiro”. A alcaldesa destacou que boa parte da prolífica obra de Álvaro Paradela escribiuna en Narón e recordou que o Concello quixo recoñecer a súa figura hai varios anos, dando o seu nome a unha praza no barrio de Frexeiro e, posteriormente tamén a unha rúa da cidade. Ao longo das 160 páxinas os autores da obra afondan na biografía de Álvaro Paradela, na súa traxectoria profesional e na súa produción literaria e escritos periodísticos, así como nos Cadernos de Amaro Orzán –seudónimo co que asinaba algúns dos seus traballos-. A súa fatídica morte tras un atropelo preto da súa vivenda e a homenaxe dos seus amigos forman tamén parte desta completa obra, que se prevé presentar oficialmente o vindeiro 19 de decembro nun acto que terá lugar na Biblioteca do Alto ás 20.00 horas e que contará coa presencia da alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e dos autores da publicación.

<<< Agosto 2022 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
www.naron.es