Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO SUSPENDE OU APRAZA VARIAS ACTIVIDADES DEBIDO ÁS ALERTAS POR TEMPORAL
As actividades afectadas estaban programadas para esta fin de semana e dende o Concello recoméndase á poboación seguir unhas pautas en materia de seguridade
Narón, 20 de decembro de 2019. O Concello de Narón suspendeu ou aprazou debido ao mal tempo de hoxe e á declaración de alertas por temporal para esta fin de semana -que será vermella mañá entre as 15.00 e as 03.00 horas do domingo- varias actividades que se ían desenvolver tanto ao aire libre como en instalacións municipais. Os obradoiros do programa municipal “Prazas Vivas” que se ían celebrar hoxe en Xuvia e mañá en Freixeiro quedan suspendidos debido ao mal tempo. Así mesmo, mañá tampouco se celebrará a “XI Xornada Moteira Solidaria” prevista a partir das 16.30 horas na Praza de Galicia nin o festival “Rock Narón” programado para as 22.00, se ben este último se trasladará ao vindeiro sábado, día 28, condicionado tamén ás condicións meteorolóxicas do próximo fin de semana. O “XII Torneo de Voleibol Cidade de Narón” do sábado, entre as 9.00 e as 21.00 horas tamén queda suspendido, así como como o concerto de Nadal Solidarium que ía celebrarse mañá no Auditorio municipal ás 12.30 horas e o concerto de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre previsto para mañá ás 20.00 horas no Pazo da Cultura. Por último, en canto á programación navideña, tamén se apraza ao luns día 23 a segunda cita da “Xornada de concienciación medioambiental” prevista para mañá sábado, de 9.00 a 14.00 horas e na que se ía realizar unha recollida de refugallos nas parroquias de San Mateo e O Val para depositalos no Punto Limpo. Dende o Concello solicítanse de antemán desculpas polas molestias que estes cambios, obrigados pola situación meteorolóxica, poidan ocasionar e condicionarase o desenvolvemento do resto de actividades á situación meteorolóxica da xornada do domingo. A través dun bando asinado pola alcaldesa, Marián Ferreiro, e dende o Speis de Narón infórmase que durante a alerta vermella do sábado dende as 15.00 ata as 03.00 do domingo suspenderanse todos os espectáculos públicos no termo municipal proxectadas tanto en espazos abertos como en instalacións públicas. Así mesmo pecharán instalacións e locais de pública concurrencia e recoméndase, entre outras medidas, evitar as actividades ao exterior en parques, xardíns, áreas de xogo municipais, evitar desprazamentos, afastarse de zonas con edificios en mal estado, árbores, paneis publicitarios e retirar obxectos susceptibles de caer á rúa das fiestras, balcóns e tellados.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal