Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O PADROADO DA CULTURA PROGRAMA UNHA VINTENA DE ESPECTÁCULOS PARA O PRIMEIRO TRIMESTRE DE 2020
A alcaldesa da cidade e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, destacou a calidade dos espectáculos e avanzou que o 28 de decembro poranse á venda as entradas dirixidas ao público xeral
Narón, 21 de decembro de 2019. O Padroado da Cultura de Narón aprobou a programación correspondente ao primeiro trimestre do vindeiro ano do Pazo da Cultura. A alcaldesa da cidade e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, destacou a calidade da programación dos espectáculos que se poderán ver entre os meses de xaneiro e marzo no Pazo da Cultura de Narón. “Trátase de máis dunha vintena de propostas, entre elas unha nova edición do Festival do Monólogo Teatral Singular, dirixidas a todo tipo de públicos e con artistas de primeiro nivel, unha oferta que constata un ano máis a firme aposta que o Concello de Narón realiza a través do Padroado da Cultura por esta área na nosa cidade”, destacou Ferreiro. A alcaldesa avanzou que o vindeiro 28 de decembro poranse á venda para a cidadanía en xeral as entradas para estes espectáculos. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a Rede Eurolatinoamericana de Artes Escénicas (Redelae) colaboran co Padroado da Cultura de Narón nesta programación. A primeira das citas programadas para o primeiro trimestre de 2020 no Pazo será o sábado 11 de xaneiro, cando a compañía Bucanero se subirá ao escenario coa comedia “Sesión continua”, unha homenaxe ao mundo do celuloide a través de diferentes películas que dará comezo ás 20.00 horas. O domingo día 12 será o turno da compañía Entremáns, que traerá unha proposta –a segunda infantil- de danza contemporánea, “Gaia”, unha peza didáctica para público familiar e infantil (a partir de 3 anos), dende as 18.00 horas. O sábado 18 será o turno de “Metalmanía-Family Sessions”, o tributo máis veterán –con case 20 anos de experiencia sobre os escenarios e máis de 600 concertos- á banda Metallica, cunha gran posta en escena e que comezará ás 17.30 horas. O domingo 19 de xaneiro a compañía Talía Teatro representará a comedia “Lambetadas”, a partir das 18.00 horas, dirixida a público familiar e infantil (a partir de 6 anos) para a transmisión da cultura galega, protagonizada por dous excéntricos personaxes. O “X Aniversario Noites de retranca”, o espectáculo de humor galego máis visto na historia do teatro do país, chegará o 24 de xaneiro ao Pazo e no que intervirán Rober Bodegas, Manuel Manquiña e Oswaldo Digón dende as 21.00 horas. A programación continuará o sábado 25 coa comedia “O electo”, dirixida por Cándido Pazó e con Manu Baqueiro e Antonio Mourelos no elenco, da compañía Contraproducións -20.00 horas- e que aborda a historia dun recén elixido presidente da Xunta que ten problemas á hora de pronunciar o seu discurso de investidura. O venres 31 pechará a programación de xaneiro Aracaladanza, co espectáculo de danza contemporánea “Play”, unha festa que contaxia alegría e comparte divertimento -18.00 horas-, para público familiar e infantil (a partir de 4 anos). No mes de febreiro, o día 1 tamén haberá teatro, nesa ocasión a cargo da compañía Teatro del Temple, que representará outra comedia, “Don Quijote somos todos”, ás 20.00 horas, sobre a historia dun pobo da Mancha que non quere desaparecer. O día 7 poderase ver ás 21.00 horas un tributo a “Héroes del silencio”, unha das bandas de rock máis importantes de todos os tempos. O día 8 será o turno da compañía Pentación Espectáculos, que traerá a Narón unha obra dirixida a público adulto, “Esperando a Godot”, un clásico do século XX no que intervirán os actores Pepe Viyuela e Alberto Jiménez, entre outros actores, que poderá verse ás 20.00 horas. Continuará a programación o día 15, sábado, -20.00- co espectáculo “Ana, también a nosotros nos llevará el olvido”, un drama de Unahoramenos Producciones protagonizado por un ama de casa convencional da España dos anos 60, dirixido a público adulto e o día 16 cunha proposta para público familiar e infantil -18.00- a cargo da compañía Galitoon, “The show Moscón”, un circo ambulante de “varietés” que presenta un moscón repoludo. A última proposta do programa para o mes de febreiro correrá a cargo de Teatro do Atlántico, que o venres 28 -20.30- e o sábado 29 -20.00- representará a obra dramática “A conquista da escola de Madhubai”, unha estrea na que unha bandida é perseguida pola policía e o exército acusada de asasinar a máis de trinta homes que a violaron tempo atrás e de numerosos asaltos a man armada. O elenco artístico desta obra está integrado por María Barcala, Sheyla Fariña e César Goldi. A compañía Eme2 Emoción&Arte abrirá a programación do mes de marzo no Pazo, concretamente o día 1, con “Contacreques”, un espectáculo poético e moi divertido para público familiar e infantil (a partir de 3 anos) -18.00 horas- con textos baseados en tres contos clásicos: El Ruiseñor, Garbancito e El zapatero y los duendes. Haberá tamén en marzo outras dúas propostas para público familiar e infantil, “Xurásico perdido”, de Títeres Cachirulo, o día 15 -18.00-, protagonizado polo famoso arqueólogo Florentino Amechuino, e “Contos ao pé da cama”, de Viravolta Títeres, o día 29 -18.00-. O mes de marzo acollerá tamén unha nova edición do Festival Internacional do Monólogo Teatral Singular, que se desenvolverá entre os días 7 e 28 do citado mes. Abrirá o programa a compañía Pentación Espectáculos, o día 7, coa obra “Señora de rojo sobre fondo gris”, con José Sacristán e continuará o día 13 Teatro do Atlántico, con “Helena: xuízo a unha lurpia” e o 14 con Teatro Andante, que representará “Olympia”. As seguintes propostas deste festival correrán a cargo das compañías Deuve, coa obra “Guerra de identidade”, o día 20; Teatro del Barrio, con “Autorretrato de un joven capitalista español”, o día 21, e a compañía Iria Sobrado, con “O estado cru”, na xornada do 27 de marzo, para pechar o ciclo o día 28 a compañía Nueve Norte con “La ciudad de las damas”. A maiores das representacións este festival incluirá unha mesa redonda sobre “Circulación internacional de espectáculos teatrais” o 13 de marzo e un curso sobre “Festival Mueca. Unha experiencia de gestión coparticipada”, o día 14, entre outras actividades.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal