Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
UN TOTAL DE ONCE CARROZAS PARTICIPARÁN ESTE DOMINGO NA CABALGATA SOLIDARIA QUE PECHA OS ACTOS DE NADAL NA CIDADE
A comitiva partirá ás 17.00 horas dunha parcela localizada nas inmediacións da estrada de Castela -á altura da empresa Megasa- e chegará ás 18.30 horas á Praza de Galicia
Narón, 3 de xaneiro de 2020. As once carrozas que participan este ano na Cabalgata Solidaria de Narón están construídas con materiais reutilizados e reciclados e con outros recursos aportados pola veciñanza. A concelleira de Benestar Social, Catalina García, recordou que un ano máis, este evento terá un marcado carácter social para transmitir unha mensaxe colectiva afastada do consumismo e coa solidariedade entre as súas prioridades. A cita terá lugar este domingo, día 5, a partir das 17.00 horas, cando sairá a Cabalgata Solidaria de Xuvia –dunha parcela xunto á estrada de Castela, á altura da empresa Megasa-. De alí sairán os tres Reis Magos, Melchor, Gaspar e Baltasar, acompañados polo Rei Artabán, o rei da solidariedade, e pola estrada de Castela dirixiranse á Praza de Galicia, donde está prevista a chegada ás 18.30 horas. No traxecto cara ao Alto as carrozas participantes realizarán unha parada musical ás 17.30 horas –participará un grupo de percusión de Senegal, haberá pasarrúas e tamén un grupo de animación de circo e outras sorpresas-, e ás 18.00 protagonizarán unha interpretación de panxoliñas comunitarias na rúa 25 de Xullo, unha propia de cada carroza na que levarán tamén instrumentos musicais. Unha vez na Praza de Galicia, a partir das 19.00 horas terá lugar a tradicional recepción institucional e ás 19.10 dará comezo a mensaxe dos Reis Magos, que se dirixirán ás persoas que acudan ao evento. O rei Artabán falará a continuación, ás 19.20 horas e ás 19.30 na propia carpa da Praza de Galicia dará comezo o espectáculo infantil “Un Nadal solidario”, unha proposta á que, tal e como avanzou García, seguirán varias sorpresas. A despedida dos Reis Magos e do Rei Artabán será ás 21.00 horas, poñendo fin á Cabalgata Solidaria deste ano na cidade. A concelleira de Benestar social indicou que a furgoneta do Centro de Recursos Solidarios será a encargada de abrir a comitiva da Cabalgata Solidaria, que pechará a Asociación de Bombeiros de Narón e o Rei Artabán, que virá coa Asociación de Autos Clásicos, todas elas debidamente decoradas para a ocasión. En canto ás carrozas dos barrios e parroquias que participarán a edil naronesa apuntou que cada unha delas terá unha temática. A da Gándara será O DESxeo, para concienciar sobre o cambio climático; a de Xuvia, O Crebanoces e o rei dos ratos, referente á loita contra os estereotipos de xénero; no Couto, O Polar Express, que fomenta a amizade e o traballo en equipo; no Alto, As estreliñas, tamén sobre concienciación medioambiental e reciclaxe; en Doso, a temática é a de As Badaladas, en San Xiao coa ASCM, Os agasallos solidarios, para converter o consumismo destas datas en solidariedade da man do Rei Artabán; na Solaina, Solainenas e Solainenos nevados, sobre a necesidade de repartir de forma equitativa os bens básicos de consumo; en Piñeiros, Antigo cine, en referencia á historia deste barrio; en Freixeiro, O reino xeado, sobre o medioambiente; O Val, As nosas costas, sobre o fondo mariño e a loita contra a contaminación e San Mateo, Os paxes reais, en defensa do coidado dos animais e as mascotas. O propio domingo, tal e como explicou Catalina García, poderase colaborar coa asociación Centro de Recursos Solidarios de Narón a partir das 19.00 horas, nun espazo que se habilitará a tal efecto e no que se poderán doar alimentos (conservas, azucre, pasta, galletas, cereais, garavanzos, patacas, lentellas, arroz, fabas, chocolate, cacao…) e produtos de limpeza. Finalmente, dende o Concello recordouse que coincidindo coa Cabalgata Solidaria, o domingo a partir das 17.00 horas e ata que as carrozas cheguen á Praza de Galicia estará prohibida a circulación pola estrada de Castela, no tramo comprendido entre as rúas Altea, en Xuvia, e 25 de Xullo, no Alto. O tráfico desviarase por rúas alternativas. García agradeceu a implicación de todas as persoas que participarán este ano na Cabalgata Solidaria e valorou o traballo que realizaron dende o pasado mes de novembro e ata esta mesma semana, donde fixeron os últimos esforzos para a decoración das carrozas. Así mesmo, animou á veciñanza a achegarse a esta celebración que, avanzou, terá algunhas diferencias con respecto a anos anteriores.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal