Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
ABERTO O PRAZO DE INSCICIÓN NO CONCURSO DE TAPAS DE ENTROIDO "NARÓN GASTRONÓMICO" ORGANIZADO POLO CONCELLO
O Concelleiro de Promoción Económica, David Pita, explicou que os locais interesados en participar dispoñen de prazo para anotarse ata o 9 de febreiro
Narón, 4 de febreiro de 2020. O concelleiro de Promoción Económica, David Pita, anunciou esta mañá no Concello que os establecementos de hostalería da cidade que desexen participar no Concurso de Tapas de Entroido “Narón Gastronómico” dispoñen de prazo ata o vindeiro domingo, día 9 (incluído) para anotarse. A cita gastronómica desenvolverase do 21 de febreiro ao 1 de marzo na cidade e as persoas interesadas en anotarse poden facelo chamando ao número de teléfono 607 391 660. No momento da inscrición os responsables dos establecementos deberán indicar o nome da tapa, os ingredientes, o horario no que a servirán, o prezo (no caso de cobrala) e unha fotografía da tapa. O edil naronés explicou que unha das novidades da convocatoria deste ano é que os establecementos participantes poden elixir entre ofrecer as tapas do certame de balde á clientela ou cobrar un prezo que en ningún caso poderá superar os tres euros. Os locais deben presentar unha única tapa elaborada con produtos típicos do Entroido, e poderá ser doce ou salgada Así mesmo, tal e como avanzou Pita, entre as novidades deste ano está tamén o feito de que un xurado experto en gastronomía encargarase de puntuar as elaboracións presentadas polos hostaleiros en canto á súa creatividade, presentación, sabor e dificultade técnica, mentres que o xurado popular valorará a presentación e o sabor das tapas. A clientela poderá degustar as tapas presentadas ao concurso nun horario mínimo de entre as 12.00 e as 14.00 horas e/ou de 19.00 a 21.00, podendo ofrecela a maiores os establecementos participantes fóra deste horario, explicou o concelleiro. Todos os locais –que estarán debidamente identificados- disporán dunha urna na que o público deberá depositar a súa valoración da tapa nunha papeleta que tamén se facilitará á clientela para elixir o establecemento gañador a través da votación popular (ata 20 puntos). Así mesmo, a votación do xurado (ata 30 puntos) consistirá nunha cata a cegas á que poderán presentarse os establecementos que o desexen levando as súas elaboracións (preparadas ou pendentes de montar ou de golpe de calor, tal e como se estipula nas bases) a unha localización da que se informará previamente. En canto aos premios, os do xurado experto para a valoración da cata a cegas, haberá un primeiro de 400 euros, un segundo de 250 e un terceiro de 150 euros, todos eles con diploma e detalle conmemorativo. Os premios do xurado popular serán de 300 euros o primeiro, de 200 o segundo e de 100 o terceiro, tamén con diploma e detalle conmemorativo. Haberá ademais premios para as persoas que emitan os seus votos, sorteándose tres ceas para un premiado e acompañantes por importe de ata 150 euros nos establecementos clasificados en primeiro, segundo e terceiro lugar e dous circuítos de Spa en Odeón Spa Center. O acto de entrega de premios será o 5 de marzo ás 11.00 horas no Concello, tal e como avanzou Pita. O concelleiro de Promoción Económica asegurou que esta convocatoria “representa unha gran oportunidade para promocionar a hostalería local, tanto da zona urbana como rural, e dar a coñecer o gran traballo que se está realizando dende o sector na nosa cidade”. Ao mesmo tempo Pita animou aos propietarios e propietarias dos establecementos de hostalería da cidade a anotarse e á veciñanza de Narón e doutros concellos a participar degustando as elaboracións que se presenten ao certame.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal