Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO SOLICITA DÚAS SUBVENCIÓNS PARA COFINANCIAR PROXECTOS DE MELLORA ENERXÉTICA NO CENTRO IRMÁS FROILAZ E NO ALUMEADO PÚBLICO DA CIDADE
A alcaldesa, Marián Ferreiro, destacou a importancia de acometer as dúas intervencións, orzamentadas en conxunto en algo máis de 655.000 euros
Narón, 15 de febreiro de 2020. O Concello de Narón solicitou ao Ministerio de Transición Ecolóxica, a través do Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía (IDAE) dúas subvencións no marco do programa operativo Feder de crecemento sostible 2014-2020 e dirixido a proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono. A alcaldesa da cidade, Marian Ferreiro, avanzou que un dos proxectos subvencionables a través do Ministerio de Transición Ecolóxica é para a renovación do alumeado público da cidade, orzamentado en 283.295 euros, e o outro para a rehabilitación da envolvente térmica do Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, por un importe de 372.063 euros. O proxecto para a renovación do alumeado que se aposta por cofinanciar a través de fondos europeos -226.636 euros Feder e 56.659 restantes o Concello- complementará os traballos que se están executando dende hai uns anos dende o goberno local para mellorar a eficiencia enerxética. Os 430 puntos de luz que se substituirían con cargo a esta intervención están ubicados en áreas de interconexión entre zonas industriais e zonas urbanas, así como viais de acceso xeral entre núcleos. A actuación levaríase a cabo en nove cadros de mando, localizados fundamentalmente en vías de acceso aos polígonos industriais da Gándara, Río do Pozo e As Lagoas (na estrada da Gándara, na rúa Ferrol-traseira do colexio Santiago Apóstol, en Cornido, na zona de Outeiro-Piñeiros, nas inmediacións da glorieta do polígono da Gándara xunto ao ramal da AP-9 cara ao Couto, na estrada superior á urbanización do Couto, no polígono das Lagoas, en Río Seco, no vial de acceso a Río do Pozo, e na rúa Bimbieiro, tamén no vial de acceso a Río do Pozo), tal e como se detalla na memoria presentada polo goberno local. “A través deste proxecto apostamos por substituír os equipos de iluminación instalados neses puntos, de lámpadas e equipos de descarga, por outros novos de tecnoloxía led, que estimamos que suporán un aforro enerxético do 75% e unha considerable mellora nos índices de iluminación, reducindo a contaminación lumínica e incrementando a seguridade pública e viaria”, asegurou Ferreiro. No mesmo proxecto tamén se contempla o axuste dos horarios de funcionamento do alumeado según a hora local do orto e ocaso para cada día do ano e as novas luminarias serán programables, co que se poderán seleccionar diferentes horarios de redución da iluminación en función das características do entorno a iluminar. En canto ao proxecto para a rehabilitación da envolvente térmica do Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, con cargo ao mesmo programa acometeríanse as obras precisas para mellorar as condicións térmicas de habitabilidade no mesmo e a eficiencia enerxética das instalacións. Neste caso a intervención -de 372.063 euros- sufragaríase a través de 297.651 euros do programa Feder e os 74.412 restantes das arcas municipais. Os traballos executaríanse nas catro fachadas do edificio, cun novo sistema de aillamento no exterior, substituiríase a cubrición de fibrocemento da cuberta por outra de panel sándwich de chapa e realizaríanse cambios nos canelóns e baixantes e tamén nalgunhas ventás do edificio nas zonas non reformadas, na fachada oeste, ao estar renovadas as restantes fiestras con cargo a actuacións previas executadas dende o Concello. “Confiamos en poder obter estas axudas europeas para acometer estas dúas actuacións, moi importantes e necesarias na nosa cidade, e que permitirán dar continuidade a un importante traballo iniciado hai varios anos dende o goberno local e ao que reservamos destacadas partidas económicas nos orzamentos municipais”, apuntou Ferreiro.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal