O AUDITORIO MUNICIPAL ACOLLERÁ MAÑÁ UNHA REUNIÓN INFORMATIVA SOBRE O PROCESO DE ESCOLARIZACIÓN EN INFANTIL E PRIMARIA
A concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, recordou que a convocatoria, que dará comezo ás 17.30 horas, se dirixe a familias con fillos e fillas en idade escolar
Narón, 17 de febreiro de 2020. O Auditorio municipal acollerá mañá pola tarde, ás 17.30 horas, unha reunión dirixida ás familias da cidade con fillas e fillos en idade escolar para informar sobre o proceso de escolarización na cidade. Directores e directoras dos centros de ensino públicos de Infantil e Primaria serán os encargados de informar ás persoas que asistan sobre este proceso, así como dos recursos e programas educativos de cada un dos colexios, tal e como recordou a concelleira de Ensino, Mercedes Taibo.
Taibo recalcou a importancia de que as familias acudan a esta convocatoria, incidindo en que terán a oportunidade de realizar aos directores e directoras dos centros as preguntas que consideren oportunas para solventar posibles dúbidas nesta área.
Así mesmo, a edil naronesa recordou que o Concello ten a disposición da cidadanía a páxina web http://buscocole.naron.es/, a través da que introducindo o enderezo de residencia na cidade se poden consultar os centros educativos de referencia que corresponden en cada caso.