Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
DECLARACION INSTITUCIONAL CON MOTIVO DO 30 ANIVERSARIO DAS PRIMEIRAS ELECCIONS MUNICIPAIS
Narón, 3 de Abril de 2009.- O Concello de Narón sumouse na data de hoxe á declaración institucional emitida pola FEMP (Federación Española de Municipios e Provincias) para conmemorar o 30 aniversario das primeiras corporacións democráticas en España. A declaración conta co respaldo dos grupos municipais de Terra Galega (TEGA), Partido Popular (PP) e PSdeG-PSOE, e o seu texto dí así: “O 3 de abril de 1979 celebráronse as primeiras eleccións municipais democráticas, ao abeiro da recentemente aprobada Constitución de 1978. A cidadanía entraba por primeira vez nos concellos, nas deputacións, nos cabidos e nos consellos insulares, os seus gobernos máis próximos, e pasaron a dirixilos. Foron os protagonistas do proceso de normalidade democrática que daba comezo no noso país. Aquelas eleccións foron o comezo real da gran transformación política, social e económica de España e do período máis longo de progreso e de convivencia en liberdade da nosa historia. Os primeiros concellos democráticos foron o escenario do desenvolvemento e a consolidación da democracia, da participación política, da consolidación dos dereitos da cidadanía pero tamén da implantación e da extensión de servizos, agora universais, que contribuíron a aumentar o benestar e a calidade de vida das persoas. Os gobernos locais españois foron os principais motores do cambio social e os impulsores dos avances máis importantes que viviu España. Nestes trinta anos, miles de homes e mulleres dedicaron as súas ilusións, o seu tempo e os seus coñecementos a representar con dedicación e responsabilidade aos seus veciños. Miles de persoas que, na súa condición de representantes públicos locais, concelleiros e concelleiras e alcaldes e alcaldesas, contribuíron co seu traballo á defensa da liberdade, pola convivencia e pola igualdade de oportunidades, valores supremos do sistema democrático. En especial, queremos manifestar o noso recoñecemento e solidariedade con todos aqueles que sufriron e sofren a ameaza terrorista de ETA e tamén o recordo emocionado de todos os nosos compañeiros asasinados por defender as liberdades e a democracia. Os gobernos locais españois participaron de forma activa na transformación dun estado centralista e totalitario cara a un Estado de Dereito, descentralizado e participativo. Como parte esencial do novo estado democrático, as institucións locais contribuímos de forma activa á súa construción, fomos tamén responsables, coa sociedade e cos demais poderes públicos, da súa consolidación, nun claro exercicio de compromiso, de lealdade e de xenerosidade institucional. Trinta anos despois, os gobernos locais españois aínda non temos o lugar institucional que a Constitución esixe. O Estado evolucionou, pero non o suficiente para aproveitar todo o potencial de solvencia, eficacia e eficiencia dos gobernos locais, pola súa proximidade aos cidadáns e pola súa capacidade de resposta rápida ás súas demandas. Chegou a hora dos gobernos de proximidade. Somos tan Estado como os demais poderes públicos, pero coa vantaxe de que estamos máis preto da cidadanía. Demostramos, durante 30 anos, a nosa capacidade de compromiso e eficacia coa execución de miles de obras públicas municipais financiadas con fondos propios ou da Unión Europea, e na actual conxuntura económica con cargo ao Fondo Estatal de Investimento Local. Consideramos necesario dotarnos de instrumentos que nos permitan paliar o actual déficit existente de representación institucional do poder municipal, especialmente nos ámbitos de discusión e negociación dos modelos de financiamento. Nesta lexislatura, temos que contar cun novo modelo de financiamento local, común para todo o territorio nacional, dotado dunha adecuada participación tanto nos tributos do Estado (PIE), como nos das comunidades autónomas (PICAS), suficiente e estable para satisfacer as demandas e necesidades reais dos cidadáns e que debe ser elaborado e acordado coa FEMP de forma simultánea e vinculada ao acordo de financiamento coas comunidades autónomas. Financiamento local que debe ser coherente e ir acompañado pola aprobación nas Cortes Xerais dun “Estatuto Básico do Goberno Local” que defina de forma clara as competencias reais dos concellos, deputacións, cabidos e consellos insulares, conforme ao exercicio dos principios de autonomía e subsidiaridade. Transcorridos 30 anos da posta en marcha e desenvolvemento de políticas públicas locais, que transformaron o perfil das nosas vilas e cidades, temos no noso horizonte importantes retos, que queremos afrontar con forza e decisión, desde a responsabilidade e desde a confianza que nos outorgan a masiva participación cidadá nas sucesivas convocatorias electorais, que nos fan renovar o noso firme compromiso cívico de progreso e cohesión social”.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal