O CONCELLO PECHARÁ DENDE HOXE VARIAS INSTALACIÓNS E RECINTOS MUNICIPAIS COMO MEDIDA PREVENTIVA ANTE A PROPAGACIÓN DO CORONAVIRUS
A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, asinou esta mañá un novo decreto no que se contemplan varias medidas que se adoptan dende hoxe
Narón, 13 de marzo de 2020. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, firmou esta mañá un novo decreto a través do que se adoptan novas medidas para salvagardar os intereses da cidadanía e que complementan ás anunciadas na xornada de onte. Ferreiro informou que o Concello pechará ao público os Centros Cívicos Sociais Municipais, a Biblioteca e as Axencias de Lectura e Ludoteca, a Casa da Mocidade, O Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros e o Centro de Maiores das Vivendas da Mariña, Escolas Infantís Municipais, Parques infantís e biosaudables municipais, Centro Municipal de Formación, a Aula Cemit, o Circuíto de pump truck e as pistas multideporte.
Así mesmo, mantéñense as suspensións de actividades indicadas onte, no referente ás actividades escolares e extraescolares, as programadas nas instalacións deportivas e culturais, así como a totalidade dos espectáculos públicos culturais nesas mesmas instalacións. A maiores, tal e como figura no decreto, suspéndese a celebración de actividades colectivas ao aire libre que supoñan unha concentración de máis de 500 persoas e outras desta natureza independentemente do número de asistentes, co que queda suspendida a celebración do feirón de Santa Icía.
No referente á atención á cidadanía no edificio do Concello, tal e como anunciou Ferreiro, a atención presencial manterase só naqueles casos nos que se concertase previamente unha cita con persoal municipal. O resto de xestións deben realizarse a través da Sede Electrónica (sedeelectronica.naron.es), do correo electrónico: naron@naron.es ou do teléfono 981 337 700, coas seguintes extensións:
Rexistro: 1013
Servizo Sociocomunitario: 1108
Intervención: 1420
Tesourería: 1408
Facenda: 1403
Estatística: 1506
Persoal: 1520
Secretaría: 1510
Contratación: 1517
Urbanismo: 1611
Disciplina Urbanística: 1519
Medio Ambiente: 1604
Policía Municipal: 2414
Deportes: 2502
No caso de ser preciso contactar cos Servizos Externos do Concello débese chamar ao número de teléfono 981 397 007, para contactar con Cosma ao 900 813 930 e co Pazo da Cultura, no teléfono 981 102 897.
A maiores, no caso de ser necesario e de acordalo o Concello no propio expediente, ampliaranse os prazos de tramitación e resolución dos expedientes administrativos do Concello, de acordo coa lexislación de procedemento administrativo aplicable, tal e como figura no documento asinado pola alcaldesa.
En canto ás medidas de prevención en servizos municipais, Ferreiro recordou que ás xa adoptadas sumarase tamén a ampliación a partir de mañá das tarefas da empresa municipal de limpeza, que intensificará o traballo de desinfección de elementos do mobiliario urbán público e da totalidade das marquesinas. Así mesmo, o lavacontenedores sairá todos los días en horario nocturno para manter os contenedores da cidade nas mellores condicións de desinfección.
O Concello pon en marcha o protocolo de “Hixiene preventiva ante exposición a axentes patóxenos”, elaborado dende o Speis e no que se contemplan diversas medidas preventivas sobre protección dos traballadores e traballadoras. Así mesmo, no edificio do Concello aplicaranse quendas de traballo, e as medidas oportunas co persoal que estea nos considerados grupos de risco: persoas inmunodeprimidas, con enfermidades coronarias, respiratorias, diabéticas e con outras enfermidades de carácter crónico.
Ferreiro subliñou que as medidas se manterán ata o 29 de marzo, coa posibilidade de varialas no caso de que así o determinen as autoridades sanitarias autonómicas ou estatais. A alcaldesa apelou á colaboración da cidadanía para, entre todas e todos, atender as recomendacións que se están realizando dende os organismos oficiais en materia de prevención do coronavirus e incidiu en que ante calquera síntoma se debe seguir o protocolo da Consellería de Sanidade, chamando ao número de teléfono 900 40 0 116.