Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO IMPULSARÁ A TRAVÉS DE "APERTA ABERTA" VIDEOCONFERENCIAS ENTRE ESCOLARES
O edil de Seguridade Cidadá, Román Romero, avanzou que a iniciativa comezará a vindeira semana e contará coa participación do equipo de Educación Vial de Narón e profesionais de diferentes sectores
Narón, 19 de abril de 2020. O Concello de Narón porá en marcha a vindeira semana unha nova iniciativa dirixida a rapazas e rapaces da cidade e tamén doutros concellos, "Aperta aberta". A través do equipo de Educación Vial organizaranse semanalmente unhas videoconferencias nas que os participantes terán a oportunidade de conversar entre eles, realizar algúns xogos e tamén falar con algunhas persoas recoñecidas en diferentes áreas, como sanidade, música, deporte… O concelleiro de Seguridade Cidadá, Román Romero, indicou que se trata dunha proposta “a través da que queremos ofrecer algo diferente aos rapaces e rapazas, a partir de 3 anos, e para cuxa participación tan só precisan solicitalo previamente e descargar a aplicación Skype, gratuíta, e que lles permitirá conversar cos seus amigos e amigas e pasar uns momentos de divertimento aproveitando que deben permanecer confinados nas súas casas”. Romero explicou que poderán participar un máximo de cinco nenos ou nenas en cada unha das videoconferencias. “Un deles debe promover a actividade, elixindo a catro amigos ou amigas que poden ser de calquera outro concello, e ten que solicitar a participación escribindo un correo electrónico á dirección seguridadevial@naron.es”, avanzou. A previsión é iniciar estas sesións de “Aperta aberta” a vindeira semana, unha vez que o primeiro equipo cubra a ficha que lle remitirá o equipo de Educación Vial para coñecer os datos dos participantes e tamén dispoñer das autorizacións precisas para a difusión da iniciativa. Durante un tempo aproximado de media hora os participantes conversarán entre eles, explicando uns a outros que fan nestes días de confinamento, ofrecendo propostas de lecer, participando nalgún dos xogos previstos a través desta iniciativa e mesmo poderán conversar nalgunhas das videoconferencias con profesionais de diferentes áreas. “Queremos que os rapaces e rapazas teñan a oportunidade de conversar uns minutos, durante a videoconferencia, con recoñecidos personaxes do mundo da música, do teatro, do deporte, da sanidade, dos corpos de seguridade… e tamén con persoas a título particular que continúan traballando durante o estado de alarma para que todas e todos nós poidamos contar con todos os servizos que precisamos”, apuntou o edil. Romero destacou a “gran implicación” da veciñanza de Narón en todas as iniciativas que se impulsan dende o Concello, un feito que agradeceu novamente, e animou ás rapazas e rapaces a solicitar por correo electrónico participar en “Aperta aberta” para poder compartir as súas experiencias e vivencias cos seus amigos e amigas en primeira persoa.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal