Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO ABRE MAÑÁ O PRAZO DE SOLICITUDE DE SUBVENCIÓNS DIRIXIDAS A PEQUENAS EMPRESAS, MICROEMPRESAS E AUTÓNOMOS DA CIDADE
A alcaldesa, Marián Ferreiro, destacou que se trata dunha liña de axudas dotada con tres millóns de euros das arcas municipais
Narón, 12 de maio de 2020. O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe o anuncio do Concello de Narón sobre a convocatoria das subvencións do programa municipal “Narón impulsa”. As empresas, microempresas e autónomos da cidade que queiran solicitar estas axudas poden facelo a partir de mañá mércores –e durante os vindeiros vinte días hábiles- a través da Sede Electrónica do Concello, tal e como explicou a alcaldesa, Marián Ferreiro. “Trátase dun programa de subvencións dotado cun orzamento de tres millóns de euros, unha contía coa que dende o Concello tratamos de axudar ao sector empresarial da nosa cidade, concretamente aos casos de microempresas, pequenas empresas e autónomos afectados pola crise da Covid-19 e que durante este período tiveron que cesar na súa actividade ou viron mermada a súa facturación en alomenos un 75% dende que se decretou o estado de alarma”, indicou a alcaldesa. “A través desta liña de axudas, que son de 2.000, 3.000 ou 4.000 euros, en función de cada caso, apóstase por paliar os efectos da crise e, deste xeito, impulsar o tecido económico da cidade, inxectando unha liquidez aos afectados para que poidan manter en activo a súa actividade e o emprego”, recalcou a rexedora local. Os datos xerais e a documentación a presentar poden consultarse a través da Sede Electrónica do Concello de Narón (sedeelectronica.naron.es) e a través da web municipal: www.naron.es, donde tamén está publicada a guía do programa “Narón impulsa”. As subvencións, de contías fixas, serán de 2.000 euros para aquelas persoas físicas ou xurídicas sen persoal por conta allea ao seu cargo ou con ata dous traballadores/as (inclusive) a 1 de marzo deste ano; de 3.000 para persoas físicas e xurídicas con entre 3 e 9 traballadores/as (incluído) tamén a 1 de marzo e, por último, de 4.000 euros para o mesmo colectivo pero cun cadro de persoal de entre 10 e 49 empregados/as (inclusive) a 1 de marzo deste ano. As empresarias e empresarios que se acollan a esta liña de subvencións, deberán cumprir unha serie de requisitos, como manter a actividade empresarial para a que foi concedida ata o 31 de decembro deste ano e se ten empregados/as, manter como mínimo un 50% do que se declare no momento de presentar a solicitude, entre outras. As persoas que desexen recibir máis información poden dirixirse ao correo electrónico: a.lagoa@naron.es ou chamar ao número de teléfono 981 337 700 (extensión 1123). “O programa de subvencións “Narón impulsa” está pensado para chegar ao maior número de empresarios e empresarias posible a través desa partida inicial de tres millóns de euros que, no caso de que detectemos que sexa preciso, incrementaremos cunha segunda convocatoria para poder atender a todas aquelas persoas que cumpran cos requisitos establecidos”, recalcou a alcaldesa.
Descarga de archivos
Programa municipal "Narón impulsa"
Tamaño:617,69 KB

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal