O BAILADOR E COREÓGRAFO QUIQUE PEÓN DIRIXIRÁ O GRUPO DE BAILE TRADICIONAL ALXIBEIRA, DO PADROADO DA CULTURA
A alcaldesa e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, destacou a traxectoria profesional de Peón e as súas aportacións á música e o baile tradicionais galegos
Narón, 28 de agosto de 2020. O prestixioso bailador e coreógrafo Quique Peón (A Coruña, 1963) será durante esta tempada, o director do Grupo de Baile Tradicional Alxibeira, do Padroado da Cultura de Narón. Así o anunciou a alcaldesa e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, que destacou a traxectoria profesional de Peón e o seu labor como investigador, intérprete e e docente do baile e a música tradicionais galegos.
“Grazas ao labor de profesionais como Quique Peón, co que teremos a gran oportunidade de contar este ano en Alxibeira, recuperáronse centos de pezas de música e danza tradicional e tamén traxes, instrumentos e costumes que se continúan conservando e divulgando como un importante legado da nosa identidade e do noso patrimonio cultural”, asegurou Ferreiro.
Quique Peón conta cunha dilatada carreira profesional centrada na investigación etnográfica e gañou innumerables premios a nivel nacional e internacional. Dende o ano 1982 dirixe o Grupo de Música e BaileTradicional Xacarandaina, da Coruña, un labor que compaxinará coa dirección de Alxibeira, de Narón.